A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicoulle á veciñanza do barrio do Carme o proxecto co que quere dignificar esta entrada, que é Camiño Primitivo, á Muralla, ambos os dous Patrimonios da Humanidade e que incluirá a peonalización e humanización desta zona.
A intervención, que se enmarca na estratexia da rexedora para recuperar o histórico e emblemático barrio do Carme -con proxectos como a recuperación do Camiño Primitivo e a Vía XIX, a musealización da Cloaca, a creación do primeiro coliving artístico municipal de toda España ou o parque en homenaxe ás vítimas da Covid-, suporá un antes e un despois para a rúa e a súa contorna de especial protección, “pola que chegan os peregrinos a Lugo, afluencia que se incrementará aínda máis cando finalicemos as obras de rehabilitación e musealización da cloaca romana para que sexa visitable”, sostivo.
Segundo avanzou a alcaldesa, a peonalización, totalmente respectuosa coa contorna, contempla unha plataforma unitaria que integrará a rúa do Carme co xardín, a Capela e o Museo, para gañar espazos e darlles máis luminosidade, atendendo a criterios de embelecemento e de seguridade vinculada coa perspectiva de xénero. O ámbito de actuación, que abarca case tres quilómetros de superficie, comprenderá tamén as travesías Noriega Varela e do Carme e a senda peonil que une Noriega Varela coa praza, por detrás da Capela.
Lara Méndez explicou que os actuais firmes se substituirán por un pavimento de formigón desactivado cor gris granito, que tamén se utilizará na senda peonil, aínda que noutras tonalidades máis similares ao aspecto térreo actual, empregando a cor como factor diferenciador entre o espazo viario mixto -de prioridade peonil- e o estritamente peonil. Para a zona da plataforma que une o xardín coa Capela e o Museo se instalará o mesmo acabado de pavimento, baldosa de granito, pero de gran formato. Elimínanse as barreiras arquitectónicas quedando toda a praza ao mesmo nivel.
Na praza do Carme óptase por reordenar os xardíns, ampliándoos con céspede e flores actuais, eliminando ademais algunhas das especies enfermas. Mantense o exemplar de maior porte, prevendo o seu acondicionamento. Ademais, mellorarase a iluminación de todas as zonas onde se actuará e instalarase mobiliario urbano e arboredo por toda a rúa para unha maior confortabilidade dos espazos.
A rexedora lembrou que este acceso sofre un importante grao de deterioro – con pavimentos sen continuidade estética e funcional – froito de diferentes intervencións ao longo dos anos, que dificultan o tránsito de bicicletas, peóns, cadeiras de rodas ou carriños de bebés. Por outra banda, os servizos de todo o ámbito son deficientes, debido á súa antigüidade. “Debemos ennobrecer estes espazos, tanto polo seu valor histórico e patrimonial como para revalorizar o barrio e incentivar tamén a rehabilitación dos edificios por parte dos seus propietarios”, incidiu a alcaldesa, que avanzou que a actuación “non será só un lavado de cara senón que incluirá a substitución dos pavimentos e servizos existentes, ademais do soterramento dos actuais tendidos aéreos de baixa tensión e telecomunicacións e a renovación das redes de abastecemento – que son de fibrocemento – e de saneamento”.
Alén, a rexedora anunciou que trala aprobación definitiva do PXOM, o Goberno local iniciará o cambio de planeamento urbanístico desta zona, “coa sensibilidade á que obriga a gran riqueza cultural, histórica e artística que alberga”, destacou. O orzamento base de licitación está previsto en 606.109 euros e cofinanciarase nun 80% con fondos Feder da estratexia DUSI Muramiñae.
A execución estímase en 6 meses, e “estaremos en condición de poder iniciar a licitación en canto teñamos o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Xunta, que está en posesión do proxecto desde o 9 de xuño, é dicir, desde hai case 5 meses, para a súa avaliación”, incidiu a rexedora, que solicitoulle maior axilidade.
Discussion about this post