O Concello de Lugo porá en marcha 60 novos cursos de formación, online e totalmente gratuitos, dirixidos ao comercio e a hostalería lucense. Esta iniciativa enmárcase no Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, posto en marcha dentro do movemento Localmente Lucense.
“Desde o Concello apostamos pola formación como ferramenta de impulso para os negocios, por iso consideramos que unha boa forma de apoiar aos establecementos de proximidade da cidade é ofrecerlles recursos para que poidan seguir medrando”, apuntou a rexedora.
As pílulas formativas do movemento Localmente Lucense son cursos específicos e directos de curta duración, pensados para profundizar na temática concreta que máis interese a cada empresa. A formación é totalmente online e cada curso ten unha duración de 10 horas, podendo realizarse ata finais de ano. Lara Méndez destacou que “a programación é ampla e variada e inclúe contidos relacionados coa administración e xestión, atención ao cliente, marketing, compras, comunicación, informática, marketing dixital, packaging, promoción ou venta, en outros”. Todos os cursos están compostos por un temario interactivo e unha proba de avaliación.
As persoas encargadas de desenvolver a actividade serán titores expertos docentes en cada área, con formación universitaria e experiencia empresarial e docente, cos que se poderá contactar para resolver posibles dúbidas. As persoas que superen a proba como aptas recibirán un certificado que acredite as horas e a formación recibida.
Os interesados xa poden inscribirse a través da páxina web de Localmente Lucense onde atoparán toda a información. Unha vez completado o rexistro enviaráselles un correo electrónico desde
concellodelugo@localmentelucense.gal coas claves de acceso á pílula solicitada.