O deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este xoves na presentación do programa gratuíto Feminino rural. Evolución, celebrado no Saviñao. Esta iniciativa, financiada cunha achega de 40.000 euros pola Diputación e executada pola Asociación de Empresarias de Lugo -AELU-, está dirixida a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios.
García Pernas, que no acto estivo acompañado pola técnica do proxecto, Úrsula Pérez, animou ás empresarias e emprendedoras a participar nun programa que facilita ferramentas para mellorar os negocios. “A creación de emprego, especialmente o xuvenil e o feminino, é unha das nosas apostas, porque é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, recordou o Deputado.
O Ecomuseo Pazo de Arxeriz, do Saviñao, acolleu esta presentación, que xa tivo lugar nas comarcas da Mariña, Lugo, Terra Chá e A Montaña. A vindeira semana, Antas de Ulla e Láncara pecharán esta xira de presentacións que serviu como primeira toma de contacto coa iniciativa.
Unha vez rematados estes primeiros encontros, cada comarca contará con 25 prazas para as persoas interesadas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras.
Na segunda fase participará unha selección de 35 empresarias e emprendedoras, cinco por comarca, que sairán das reunións de traballo. Recibirán unha formación e un asesoramento personalizados dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.