O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto aoaAlcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, inaugurou este venres o Centro de Atención a Maiores do municipio, o oitavo da rede pública de residencias da institución provincial. Numerosos veciños e veciñas participaron no acto, co que arrancou a actividade do centro coa realización dos preingresos, o que permitirá que o día 15 os usuarios pernocten nas instalacións.
José Tomé Roca amosouse “dobremente satisfeito” por estar en Navia, pola propia apertura do centro, pero tamén por facelo en outono, cumprindo así co prazo ó que se comprometeu co Concello e coa veciñanza durante a xornada de portas abertas celebrada nas instalacións o pasado verán. O mandatario provincial lembrou que a residencia de Navia “é o resultado dun longo proceso no que tomaron parte moitas persoas”, polo que deu as grazas ó alcalde, ós presidentes da Deputación que o precederon, e ó persoal da institución provincial e do Concello.
O Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna conta con 30 prazas e sitúase nunha parcela de 452 metros cadrados distribuídos en tres andares e un semisoto con sala de caldeiras, almacén, lavandería, aseos, vestiarios, cociña e comedor. Na planta baixa está situado o vestíbulo, oficinas, aseos, ximnasio, consulta médica, enfermería, sala polivalente e sala de usos múltiples. Na primeira e na segunda planta están as habitacións.
Con esta residencia, a Deputación de Lugo prestará un servizo “que é moi necesario no rural da nosa provincia, máis se cabe na comarca da Montaña, e que cambiará a vida deste concello a nivel social e a nivel económico”, asegurou o Presidente. Explicou, “activamos a economía do municipio e da comarca” porque coa apertura do centro “creamos xa, de partida, 25 postos de traballo directos, máis todos os emprego indirectos que virán, e creamos actividade económica, porque os produtos e servizos que necesite a residencia serán de produtores e de negocios da zona”.