Máis de 100.000 euros para melloras de accesibilidade e alumeado na Pastoriza

O presidente da diputación lucense asinou un convenio de colaboración coa alcalde da Pastoriza

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, un convenio de colaboración por un importe total de 135.000€ para melloras de accesibilidade e instalación de alumeado en distintos puntos do concello chairego. José Tomé destacou a importancia deste acordo, ao que a institución provincial achega preto de 108.000€, que beneficiará á veciñanza de Bretoña, Fontao, Biduido e Alvite, e aos usuarios da zona do Carrizal, onde conflúen tres vías provinciais que conectan A Pastoriza cos concellos de Abadín e Cospeito.

Entre as melloras que o Concello poderá realizar grazas á aportación da Deputación está a pavimentación da conexión de Bretoña coa estrada LU-125 con aglomerado en quente. Os traballos, cun orzamento total de 43.200€, levaranse a cabo nuns 700 metros da vía na contorna do núcleo de Fontao. Tamén se actuará en 300 metros do firme do acceso a este núcleo, cun investimento de 12.500€, dos que a institución provincial achega máis de 10.000€.

Neste convenio inclúense unha actuación que beneficiará aos veciños e veciñas do núcleo de Alvite, mellorando o acceso coa dotación dun novo firme cun orzamento de 22.000€. Por outro lado, levarase a cabo a rehabilitación de 300 metros da conexión do Biduido coa estrada LU-122, cunha achega provincial de 10.300€ e un investimento total de preto de 13.000€.

Por último, levarase a cabo tamén a instalación dunha rede de alumeado público na zona do Carrizal, cun investimento de 38.600€, dos que a Deputación achega 30.900€ para a súa execución. Estes traballos levaranse a cabo nun punto no que se encontran tres vías provinciais que conectan A Pastoriza cos concellos de Abadín e Cospeito. Instalaranse 20 luminarias, 16 delas colocadas nos accesos á rotonda repartidas en catro grupos e, outras catro, no centro da rotonda orientadas a cada un dos accesos da mesma.

Salir de la versión móvil