O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este domingo en Lugo un encontro cos candidatos socialistas dos 67 concellos da provincia ás vindeiras eleccións do 28 de maio. Un acto celebrado na contorna do Rato, xunto ó Centro de Interpretación Terras do Miño, que reflexou “a ilusión, dinamismo, fortaleza e unidade” do Partido Socialista. “Presentamos ás municipais ós mellores candidatos e candidatas” para cada un dos concellos e para o conxunto da provincia, subliñou José Tomé Roca, polo que “vamos consolidar as alcaldías que temos, gañar outras novas e manter a Deputación”, recalcou.
“Falar de socialismo é falar de proximidade cos veciños e veciñas, de capacidade de xestión, de defensa dos servizos públicos, de promoción da economía e da aposta polo rural para que teña futuro”. Deste xeito, asegurou o líder dos socialistas na provincia, “vamos gañar estas eleccións para que gañen os 67 concellos da provincia de Lugo en servizos, en mobilidade, en emprego, en calidade de vida e en benestar”. “A provincia de Lugo necesita máis socialismo porque o socialismo significa avanzar, progreso, futuro e igualdade”, incidiu José Tomé, quen destacou o “fito histórico” do liderado de mulleres nas listas do partido, con 24 candidatas, o 36% do total, a porcentaxe “máis alta das provincias galegas e probablemente do conxunto do Estado”.
Neste sentido, o líder socialista afirmou que os socialistas “sempre abrimos camiño en todos os avances da sociedade: en dereitos sociais, en dereitos laborais, en benestar, en xustiza social e, por suposto, en igualdade. E seguiremos abrindo camiño, porque o feminismo é unha das grandes esencias do socialismo. Non é unha moda, non é unha pose para as fotos, como fan outros, é unha realidade, que demostramos cada día, con feitos”.
José Tomé puxo en valor así mesmo que os socialistas da provincia “temos a forza que nos dá o noso traballo continuado en favor dos nosos concellos. A forza que nos dá o noso compromiso co benestar dos veciños, que defendemos sempre, no noso concello, na provincia, en Santiago ou en Madrid, goberne quen goberne. Sempre damos a cara. Non calamos ante os problemas, nin esquecemos as nosas obrigas. Non estamos ó que dite a Xunta dende San Caetano, como fai o Partido Popular”.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia aproveitou este acto para agradecer o traballo e a implicación de tódolos candidatos socialistas. “Moitas gracias ós que levades anos loitando e ós que asumides un novo compromiso político con este partido, e, sobre todo, cos vosos veciños e veciñas, co voso concello”, asegurou o líder dos socialistas, quen destacou que o partido renovou o 37% dos candidatos de cara ás vindeiras municipais. “Todos e todas, xunto cos nosos equipos e agrupacións, levamos traballando moito, e nótase. Ata o Partido Popular baixou as expectativas, vendo a que se lle vén encima. Eu pídovos dar o arreón final, pídovos un esforzo máis neste mes que queda hasta o día das eleccións para dar a coñecer todo aquelo que levamos feito e todos os proxectos que temos para o futuro”, recalcou José Tomé.