O pasado sábado o Concello de Vilalba acolleu a presentación na Casa da Cultura do libro ‘Irmás’, oito diálogos contra a desmemoria, un recoñecemento ás escritoras silenciadas das Irmandades da Fala.
A obra editada por Alvarellos Editora e ideada e coordinada por Culturalia GZ a través de Martiño Maseda e Beatriz Dourado, que conta coa colaboración do Concello de Vilalba, recolle a obra de oito autoras actuais sobre algunhas das mulleres silenciadas das Irmandades da Fala.
Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés reivindican a calidade literaria daquelas autoras que non tiveron a mesma repercusión que os seus contemporáneos, homes, que si permanecen nas páxinas da Historia. A través de poemas, relatos ou ilustracións, en “Irmás” sae á luz o labor de Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.
“Grazas a todas e todos polo voso traballo creativo e de pescuda e rescate destas mulleres, e que medren os proxectos con M de Memoria e con M de Muller”, explicou Elba Veleiro.