Lugo prepárase para volver viaxar no tempo. Do 18 ao 21 de xuño de 2026 celebrarase unha nova edición do Arde Lucus, que este ano alcanza o seu 25 aniversario baixo o nome de Arde Lucus Argenteus, cun programa que supera as 300 actividades e que converterá de novo a cidade nun gran escenario romano e castrexo.
Durante catro días, as rúas do centro histórico transformaranse nunha auténtica cidade da antigüidade. Haberá desfiles de lexións romanas e tribos galaicas, campamentos repartidos por diferentes puntos da cidade, mercados, vodas celtas, espectáculos de lume, teatro de rúa e exhibicións de gladiadores. O evento consolidase así como unha das grandes citas de recreación histórica de Europa, cunha forte implicación do tecido asociativo lucense.
A programación, ao completo
O programa arrinca o xoves 18 coa chegada das lexións ao ponte romano e o acendido do lume sagrado de Vesta na Praza Maior, un dos símbolos da festa. A partir de aí, a cidade entra nunha sucesión continua de actos que mesturan rituais, teatro e animación de rúa.
O venres 19 destaca a Asemblea Galaica, na que distintas tribos escenifican a declaración de guerra na Praza de Santa María, ademais de actividades como loitas de gladiadores, vodas celtas, sesións do Senado e espectáculos itinerantes con lume e percusión que enchen o centro histórico ata a madrugada.

O sábado 20 será o día grande, con exhibicións de gladiadores, o Circvs Maximvs, actividades nos campamentos e o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas pola Ronda da Muralla. Pola noite, o espectáculo de lume Vulcano e o concerto de Céltica Pipes Rock! porán o colofón a unha xornada multitudinaria.
O domingo 21 terá un ton máis familiar e participativo, con desfiles escolares, actividades infantís, representacións históricas e o acto simbólico do nacemento dun pobo galaico-romano na zona de A Mosqueira. O peche da festa chegará co apagado do lume sagrado na Praza Maior e o concerto final do músico lucense Abraham Cupeiro, encargado de despedir esta edición especial.
Ao longo de toda a celebración, 18 asociacións de recreación histórica encherán a cidade con campamentos, talleres e actividades abertas ao público, ademais de espazos familiares como o Miúdo Arde, demostracións de oficios tradicionais e un mercado situado no eixo da rúa da Raíña e Santo Domingo.
A Deputación, principal apoio institucional
No plano institucional, a Deputación de Lugo volve apoiar a celebración cunha achega de 50.000 euros destinada ao financiamento da edición de 2026. O acordo consolida á Deputación como unha das principais entidades colaboradoras do Arde Lucus, unha relación que se mantén desde os seus inicios.
Segundo destaca a propia institución provincial, esta contribución busca reforzar unha festa que non só ten un forte valor cultural e identitario, senón tamén un impacto directo na economía da provincia, especialmente nos sectores do comercio, a hostalaría e os servizos.
A Deputación subliña ademais que o Arde Lucus actúa como un motor de dinamización turística e como unha das mellores cartas de presentación de Lugo fóra das súas fronteiras, contribuíndo á proxección exterior da cidade e da provincia.
