Nas eleccións do 18 de febreiro Galiza decidirá entre un goberno para o cambio ou un goberno para que non cambie nada. Correspóndenos aos galegos e galegas examinar o desempeño destes case 15 anos de gobernos do Partido Popular e decidir se perseveramos ou se corriximos o rumbo.
O actual modelo, de éxito segundo a propaganda do Partido Popular, déixanos un legado de máis de 20.000 empregos destruídos no sector industrial, unha cifra semellante no sector primario, e 10.000 pequenos negocios que tiveron que baixar a persiana. Non hai sector que se salvara da crise, nin sequera aqueles que exhibían a etiqueta de “estratéxicos”, sectores emblemáticos que facían parte da imaxe de marca da Galiza, o naval, o téxtil, o enerxético, a conserva ou o marisqueiro.
A situación dos servizos públicos básicos, como a sanidade, o ensino, os coidados e o transporte, figuran entre os principais motivos de queixa dos usuarios e usuarias, e teñen protagonizado repetidas e multitudinarias mobilizacións en contra dos recortes e da intromisión de intereses empresariais que condicionan sen disimulo as condicións e calidade da prestación destes servizos.
O denominador común é a inacción por parte do goberno do Partido Popular, cando non unha actuación decidida en contra dos intereses xerais a favor dos intereses desta ou daquela gran corporación concesionaria, e resulta case un paradoxo que a explicación deste comportamento poda resumirse en que temos na Galiza un goberno con pinganillo que actúa ao ditado do que lle mandan desde Madrid, e que este pinganillo (este si) supoña unha factura inasumíbel para o noso país, que inclúe, ademais dos conceptos xa mencionados, unha caída da taxa de investimento á metade, cando no conxunto do estado español e mesmo na Unión Europea a taxa de investimento aumenta.
Este foi un dos datos que a nosa candidata, Ana Pontón, espetou a un noqueado Alfonso Rueda no debate emitido na TVG, e seguramente un dos máis definitivos para desmentir o relato do Partido Popular segundo o cal, con eles no goberno, Galiza é sinónimo de estabilidade e seguridade para os
negocios.
A caída do investimento indica xusto o contrario, que as empresas non confían no futuro, e o feito de que esta caída sexa persistente no tempo indica que o goberno do Partido Popular é incapaz de corrixir a tendencia.
Galiza precisa de gobernantes que non teñan colocadas as súas expectativas persoais e profesionais en Madrid, gobernantes que non estean de paso nin facendo méritos, senón con unha vocación inequívoca e exclusiva de exercer o goberno con responsabilidade e con ambición de país, e isto é, claramente, o
que representa o BNG.
Só un goberno BNG está en disposición de facernos valer en asuntos que van ser obxecto de duros debates durante vindeira lexislatura e que serán da máxima importancia para contar cos recursos económicos necesarios para impulsar o rescate da sanidade pública ou un novo modelo de coidados.
Estamos a falar do sistema de financiamento das comunidades autónomas. Ou o debate sobre o dereito dos territorios produtores de electricidade a beneficiarse de tarifas reducidas. Debate que na Galiza hai tempo que abriu o BNG e que en outros territorios, como Aragón ou Castilla León, comeza a ser asumido polo PSOE e mesmo polo Partido Popular, deixando en evidencia aos seus correlixionarios patrios, como tantas veces máis papistas que o papa.
En todo caso, tamén na posición do BNG respeito de cal debe ser o alcance e calidade dos servizos públicos, da promoción dos sectores primarios, tan importantes no noso país económica e territorialmente, do necesario impulso industrial a través dunha aposta decidida pola I+D+i aumentando o investimento público até o 3% dos orzamentos, e máis dun aproveitamento dos nosos recursos enerxéticos sustentábel ambiental e socialmente, e, finalmente, da necesaria modificación do sistema de financiamento pensando exclusivamente nas nosas necesidades e nos nosos intereses, existe un denominador común, unha convicción que atravesa todo o que será a nosa acción de goberno, que Galiza ten dereito, que os galegos e galegas temos dereito a planificar o noso futuro, e a poñer os nosos recursos, o noso talento e o noso traballo, ao servizo dun proxecto de país do que nos sentir orgullosos e orgullosas. Con confianza e determinación.
Esta é, sen dúbida ningunha, unha alternativa política e electoral claramente diferenciada do actual modelo do Partido Popular, de feito unha alternativa política e tamén electoral única.
Galiza ten un potencial inmenso e precisamos un goberno que estea a altura das circunstancias e dos tempos. Tempos de cambios. Tempos de moita esixencia que piden un novo goberno con un proxecto de país claro e ambicioso, o proxecto do BNG, un proxecto construído en colectivo a partir dunha militancia entregada e con un ingrediente moi especial, toneladas de ilusión. Ninguén nos gaña nisto. Se queres unha Galiza mellor, hai alternativa, hai un equipo gañador que conta contigo. É o momento.
Mon Fernández, deputado no Parlamento de Galicia e número 4 do BNG pola provincia da Coruña o 18F