A actualidade

Cando falamos da actualidade falamos do que está pasando ou nos está pasando no tempo presente, nese tempo tan fugaz que moitas veces ata non somos quen de percibir. Facemos o propósito de vivilo con intensidade, de zugalo ata o óso, pero cando nos damos conta, e no mellor dos casos, xa só o podemos desfrutar lembrándoo, intentando revivilo coa forza da memoria. O presente desfaise moi axiña, esfarélase nas mans, desaparece nese territorio inmóbil, aparentemente inmóbil, que é o pasado, e só en determinadas ocasións, en ocasións que poderiamos chamar climácicas —de climax— consegue fuxir da voracidade ilimitada de Cronos e ofrecernos unha ilusión de eternidade.

Só unha ilusión, un simulacro. Pode parecernos, neses intres, que saímos da liña, do decurso, que acadamos unha dimensión distinta, allea á sucesión inevitable, pero só é un parecer, unha ficción dos sentidos, unha suspensión da intelixencia. O certo é que o presente, incluso o que se abre nunha ferida desgarradora, ou o que se pecha no tremor íntimo da sensibilidade trastornada, ese que tememos ou queremos que dure, acaba sendo, como dicimos, recordo, ou nin iso, só cinsa exposta ao bater do vento.

Pero viñamos falar da actualidade, e dicir, segundo o diccionario, desa cousa ou suceso que ocupa a atención do común das xentes nun momento dado. Desa actualidade, da que ferve nas redes e nos demais medios con intensidade apocalíptica, coma se cada cousa que pasa fose definitiva ou trascendental. E claro está que non é así, claro está que moito do que nos contan é puro fume do presente, nimiedades sen percorrido que acaban devoradas con celeridade.

Porque a actualidade constrúese, non é algo xa dado ao que nos achegamos para entendelo. A actualidade, artellada sobre unha sucesión de presuntas novidades, é un capítulo, un fragmento dun longo serial guionizado segundo as pautas básicas da literatura de entretemento. A actualidade non é o real, non é a realidade explicada. A actualidade é, ímolo dicir así, e que os deuses postmodernos nos perdoen, unha superestructura ideolóxica.

A actualidade, por exemplo, elixe as guerras das que se pode falar, as guerras das que falaremos coas nosas amizades nas sobremesas etílicas dos venres pola noite, e os persoeiros aos que deberemos render admiración ilimitada, e os atropelos fronte aos que nos veremos obrigados a sentir carraxe ou dor inconsolable, ou as lecturas, series ou filmes que non debemos esquecer se queremos ter algo que dicir á hora do café.

A actualidade elixe os pratos do noso menú sentimental, as palabras que utilizamos, as bromas que gastamos, os xestos que nos diriximos. A actualidade manda, oímos dicir moitas veces, e si, é verdade, a actualidade manda e marca, é a marca que nos viste, a marca que nos adorna. Pero só iso, viste pero non afonda, só elixe obxectivo e sobrevóao. Ofrécenos un saber falso, unha simulación. A ignorancia ben vestida, vestida de marca. Iso é o que ofrece. E diso queriamos falar dende este presente tan fugaz que xa desapareceu.

Salir de la versión móvil