O Camiño Inglés non alcanzou no medievo a relevancia do denominado Camiño Francés. Non importa, porque se a peregrinación a Santiago afunde as súas raíces na historia, é un fenómeno vivo, presente, que seguimos construíndo, cunha indubidable proxección de futuro. Ao Camiño Inglés, que ben se lle puidese chamar Camiño Nórdico, pois non só foron os ingleses os que peregrinaban, non lle faltan os testemuños históricos, pero sen dúbida existe un desequilibrio entre o ramal coruñés e o ramal ferrolán, tanto en distancia como en fontes históricas.
No ramal de Ferrol, Pontedeume é punto ineludible, pois a súa ponte foi un paso obrigado nas comunicacións norte sur para salvar a barreira natural que supoñía o canón de Eume e que explica o lugar de emprazamento da póboa fundada ex novo en 1270 por Afonso X.
Dous elementos emblemáticos de Pontedeume respecto ao Camiño Inglés foron a ponte co hospital do Espírito Santo no medio, ambos os dous construídos por Fernán Pérez de Andrade a finais do século XIV e desaparecidos no século XIX, e a igrexa de Pontedeume coa advocación de Santiago.
O camiño debe de servir como escaparate para poñer de relevo o importante patrimonio de Pontedeume (casco antigo, igrexa da Virxe das Virtudes, Torreón, a igrexa de Santiago, convento dos Agostiños) e da súa contorna (castelo de Andrade, Caaveiro, Monfero, Montefaro ou o románico eumés).
É necesario crear infraestruturas que favorezan a circulación de peregrinos: como pode ser a sinalización ou os albergues. En Pontedeume acondicionáronse os emblemáticos almacéns ou lonxas de Rajoy como albergue e nestes momentos está en marcha un proxecto de albergue no edificio das antigas escolas construídas polo arcebispo Rajoy, a carón da igrexa. E son necesarios estudos de investigación e, nun segundo plano, de material divulgativo que permitan que o coñecemento do noso patrimonio se difunda con facilidade, dignidade e calidade. Ao primeiro aspecto responde a revista Cátedra, con 29 números, e, ao segundo, a recente publicación dunha guía de Santiago de Pontedeume, patrocinada polo Concello, iniciativa que debería ir acompañada cun horario razoable da igrexa que favoreza a súa visita.
Un templo singular no camiño Inglés
Na igrexa de Santiago, unha das máis importantes do Camiño Inglés, axúntanse unha capela do gótico tardío, construída por Fernando de Andrade para ser enterrado nela, cuberta cunha bóveda estrelada, e unha nave que foi reconstruída entre 1755 e 1763 polo Arcebispo Rajoy, con trazo de Manuel de los Mártires e con Alberto Ricoy como mestre de obras, quen proxecta as torres e a sancristía nova.
Posiblemente cando se constrúe esta capela, a igrexa fose un templo dunha soa nave, cunha serie de capelas adxacentes, unha, a da Vera Cruz, un pórtico, coro alto e torre campanario. Rajoy expresou o desexo de que a igrexa nova fora de dimensións semellantes. Posiblemente o desexo cumpriuse, polo menos respecto á lonxitude, pero obrigou a un novo mobiliario. Loxicamente, algunhas imaxes sobreviviron (Crucificado, Virxe da Candelaria, Sta. Isabel, etc.), pero houbo que facer novos retablos. A prolongación no tempo desta tarefa de renovación, fai que os novos retablos fosen primeiro barrocos, non moi aparatosos, e, nun segundo momento, xa plenamente neoclásicos, onde columnas e entablamentos imitan mármores
A restauración do retablo permitiu visualizar os dous escudos que estaban situados na parede, detrás do retablo e coñecer as modificacións que sufriu, o que obriga a retrasar a datación da construción da capela a antes de 1527, ano da morte da súa muller, Francisca de Zúñiga.
Ademais da importancia do seu mobiliario, especialmente do Santiago sedente, do retablo plateresco con pinturas góticas tardías e barrocas, e doutras tallas anteriores á restauración, debemos de sinalar algunhas curiosidades. En primeiro lugar, o feito de que o devandito Santiago sedente nun determinado momento se considerase pasado de moda e fose enterrado debaixo do altar, sendo exhumado na reforma da década dos sesenta do século XX. En segundo lugar, o sorprendente e incomprensible xiro da torre da esquerda, onde se aloxa a carraca; en terceiro, o feito de que a igrexa fose construída coas pedras do foso do castelo de Andrade; en cuarto lugar, o ser unha das poucas igrexas con chan de cemento, sen dúbida pola novidade que supuxo a chegada do cemento Portland. Previamente as laxas sepulcrais utilizáronse na pavimentación das rúas, en particular na praza de S. Roque. E por último, que se financiase a reconstrución do tellado, desmantelado polo furacán Hortensia, coa “operación tella”, na que participaron tódolos veciños.
E, como nunca terminamos de aumentar os nosos coñecementos, recentemente, grazas ao incansable documentalista Antonio Leira, soubemos que a Inmaculada do retablo do mimo nome é de 1954.