A sorte é ciencia

A sorte é ciencia | Marta Piñeiro Arca
A sorte é ciencia | Marta Piñeiro Arca

Sempre pensei que no mundo había dous tipos de persoas, as que tiñan sorte e ás que esta nunca lle acompañaba. E que isto non dependía dun ou dunha, senón que era totalmente alleo, a sorte viña ou non viña. Nada máis lonxe da realidade. A ciencia dinos que esta crenza tan estendida, non é real. Resulta que a sorte depende de cada un e cada unha de nós, porque a sorte é unha cuestión de actitude.

Así o conclúe o psicólogo Richard Wiseman, quen realizou unha exhaustiva investigación na que observou de maneira clara que boa parte da fortuna ou a ausencia dela ten que ver coa actitude das persoas. E o demostrou cientificamente.

Pois ben, parece que as persoas que teñen unha actitude proactiva, aquelas que non teñen medo aos cambios, aquelas que saen con asiduidade da zona de confort, e que buscan as oportunidades, son aquelas ás que a sorte acaba sorrindo.

No outro polo están aquelas persoas que non fan intentos, as que ven sempre a vida con pesimismo (o vaso medio baleiro), e as que se bloquean ante novos retos ou desafíos.

Podería dicirse entón, que a sorte ten moito que ver coa propia personalidade. O optimismo é un factor protector do benestar, e facilitador da sorte. A ansiedade, pola contra, exerce como factor de risco sobre o benestar, e entorpece o éxito persoal e profesional.

Nesta investigación Wiseman tamén descubriu que a sorte está moi condicionada polo traballo individual, é dicir, que as persoas que teñen presente a cultura do esforzo, máis cedo que tarde acaban tendo sorte; isto é, acaban encontrando un bo emprego, aprobando un complicado exame de oposición, construíndo lazos persoais de calidade, etc. De novo, a actitude volve a ser crucial para atraela sorte.

Seguro que moitas e moitos de vós algunha vez escoitastes iso de seguila intuición, pois a Psicoloxía tamén nos di que esta facultade non é algo máxico, senón máis ben unha cuestión científica. O que coloquialmente coñecemos por intuición ou “corazonada” non é máis que a acumulación de aprendizaxes, de experiencias, que fan que nos resulte máis doado coller un determinado camiño ou tomar unha determinada decisión.

E é así porque o noso cerebro é unha auténtica máquina rexistradora, que ben no consciente ou máis ben no inconsciente, grava a lume os itinerarios máis acertados e tamén aqueles que non o son. Desta maneira, o cerebro facilítanos a vida, aínda que en último termo depende de nós facerlle caso.

A sorte aliméntase tamén da confianza, da que temos que ter nas demais persoas, e especialmente da que temos que ter sobre nós mesmos e mesmas. E aquí si que parece que existe unha relación lineal, a máis confianza, maior sorte e viceversa. Por que? Porque a confianza aumenta o rendemento, a ilusión, o optimismo, diminúe o estrés e a ansiedade e incrementa a tolerancia á dor e ao fracaso. Un súper sentimento!

Así que amiga ou amigo que les estas liñas, a sorte non vai facer que mañá che toque a lotería, porque iso non é sorte, iso é azar. Para o resto de cuestións, confía en ti, mantén unha actitude positiva, traballa duro e segue a túa intuición. Agardemos que a receita perfecta ofreza resultados extraordinarios.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.