O día 5 de outubro aprobamos definitivamente no Senado a lei de Memoria Democrática, e o día 20 de outubro entrou en vigor coa publicación no BOE. Dende que son Senador aprobáronse xa moitas leis, pero esta e unha das que me sinto mais satisfeito e orgulloso como senador. Esta Lei non veu a fomentar odio, nin a abrir feridas, só a dar dignidade a todos os que sufriron unha guerra inxusta, que enfrontou en moitos casos a irmáns contra irmáns; o espírito desta lei é de reconciliación, concordia e reparación.
Esta lei está infestada de interpretacións torticeras, as que quedan desmentidas se se le a fondo a mesma. A lei de Memoria Democrática enxalza a transición e o pacto constitucional, tal como recolle na súa exposición de motivos “a vixente Constitución fundamentouse nun amplo compromiso social e político … este consenso foi o espírito da nosa transición política, e foi a base da época de maior esplendor e prosperidade que coñeceu o noso País”; “a conquista e consolidación da democracia en España foi o logro histórico máis significativo da sociedade española.
O asentamento dos principios e valores democráticos que consagra a constitución de 1978 fai a nosa sociedade máis forte e constitúen a máis clara aposta de convivencia no futuro”, sendo os seus obxectivos fomentar o coñecemento das etapas democráticas da nosa historia e daquelas figuras individuais e colectivas que, con grandes sacrificios, foron construíndo progresivamente os nexos de cultura democrática que permitiron chegar aos acordos da Constitución de 1978, e o actual estado social e democrático de dereito”.
Hai que aclarar todas as falacias que utilizaron os partidos da Oposición (PP, VOX, CS, UPN) sobre a disposición adicional décimo sexta, a primeira é que a proposta desta disposición foi dos dous partidos no goberno, de ningún máis, e iso era para que fosen incluídas na mesma persoas que fosen vítimas como consecuencia de defender a democracia. E o ámbito temporal da lei non o estenden a 1983, no seu art 1.2 recolle expresamente “o recoñecemento a vítimas… durante o período comprendido entre o golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e a ditadura franquista ata a entrada en vigor da Constitución Española de 1978, tras a transición democrática, é dicir, o ámbito temporal da Lei é ata o 29 de decembro de 1978. E iso repítese machaconamente ao longo do articulado.
O que recolle a disposición adicional décimo sexta (16ª) é “a previsión de que se designe polo goberno unha comisión técnica cuxo alcance está limitado a un estudo de posibles vulneracións de dereitos humanos que sufriron loitadores pola consolidación da democracia” e exclusivamente para o seu recoñecemento e reparación, refírese ao caso como o de Yolanda González —líder estudantil asasinada pola extrema dereita o 1 de febreiro de 1980—, devandito crime e outros similares obviamente xa foron perseguidos polo ordenamento xurídico, pero as súas vítimas quedaran orfas de recoñecemento da democracia pola que loitaron, polo que, como non pode ser doutra forma, non teñen cabida na mesma os etarras que desestabilizaron a democracia, creando terror, e asasinando a vítimas inocentes, a todas elas a miña homenaxe e recoñecemento. Os únicos que parecen entender que ETA loitou pola democracia, pois lles parece que tería cabida nesa Comisión Técnica, son o PP, Cs, UPN e VOX, non o goberno nin o PSOE para os que ETA non ten cabida.
Tamén é falso que se desmerezca o que significou a Lei de Amnistía de 1977, e non se teñan en conta principios xurídicos básicos, de legalidade, seguridade xurídica, irretroactividade de normas non favorables… a exposición de motivos da Lei recólleo expresamente, e de feito todas as emendas que avogaban pola derrogación total ou parcial da devandita lei foron rexeitadas de plano. Tal como recolle o art. 10.2 da da lei de Amnistía hai que compatibilizala cos avances do dereito internacional dos dereitos humanos.
O PSOE defendeu antes, defende agora e defenderá no futuro os Principios Constitucionais recollidos no art. 9.3 da CE, proba diso é que así o fixo recentemente no Congreso rexeitando as iniciativas de derrogación da lei de Amnistía ou a modificación do código penal. O dereito á verdade é compatible coa lei de Amnistía e as garantías procesuais do art. 9 da devandita lei, con exclusividade da aplicación de amnistía por parte de xuíces e tribunais e o art. 11 bis engadido en 1984 declara a imprescritibilidade dos dereitos.
Ademais recolle a nulidade das sentenzas e dos xuízos que foron auténticas farsas, moitas con condenas de morte e outras de anos de presidio, non vai en contra da lei de Amnistía, persegue resolver unha inxustiza e dar dignidade ás persoas que xa non están, esa reparación, recoñecemento que realizaron outros Países como Alemaña, e mesmo pediron perdón. Pois ben, esta lei vertébrase ao redor dos principios internacionais do dereito humanitario: verdade, xustiza, reparación e deber de memoria como garantía de non repetición.
A lei de Memoria Democrática é boa para España, para todos os españois, non abre feridas, dá dignidade e repara completando as anteriores, non rectificando, con esta lei venceu a democracia que somos todos.