A vida que deixas, a vida que agardas, a vida que mereces

A vida que deixas é o medo e a incerteza, a vida que deixas é un país ardendo, un país de fame; un estado sen lei no que “sálvese quen poida.” Deixas atrás entre choros e ansiedade á xente que queres, que queres non querer tanto para que a fuxida non doia. E sen embargo, doe ata o infinito, sabendo que o infinito non ten consolo.

A vida que agardas é portas abertas, un raio de sol entre cirros e estratos. A vida que agardas é mans tendidas, apoio social, amizade e vivenda digna. É espertar do pesadelo, soñando que outro mundo é posible ao cruzar miles de ríos.  É crer nun primeiro mundo onde ninguén é mellor que ninguén. E sen embargo, te atopas con que es migrante. E iso o invade todo, non saen as oportunidades. É esa discriminación, a de muller e estranxeira. E non te salva nada, nin sequera que sexas Mestra. Carreira de Inglés, experiencia en arte, aquí tan só es unha alma errante. Con sorte poderás limpar casas, tal vez portais, e aos tres anos de estancia poderás ser alguén.

A vida que mereces é xogar en primeira, é unha “champions league”, unha medalla, un trofeo. A vida que mereces é que te miremos con admiración, que biquemos o teu chan, porque ti coidas do meu pai, do meu avó ou da miña nai. Ti que non pides nada, se acaso só alimentos, porque o día a día é moi duro e chegou o confinamento. Ti mereces os mellores manxares e seguridade social no emprego. Porque co tema dos coidados xa estás contribuíndo. Ofreces riqueza a este país que recolle a todo o mundo, pero que ata que realmente acolla, non terá o seu triunfo.

E en isto entro en xogo eu, en acollerte como te mereces, porque cambiarei a mirada, as maneiras e os xestos. Mirareite como igual, sen discriminación, porque tratarte diferente sería unha aberración. Muller e estranxeira, conseguiremos a maneira!, de que saír do teu país, valera en algo a pena.

 

Dedicado a todas esas mulleres que se encontran como migrantes no noso país, porque homenaxes coma esta tamén significan celebrar o 8M.

Salir de la versión móvil