Adiccións 4.0: Superyonkis.

Amalia, 17 anos. Vive conectada a Instagram. Para ela, non hai mellor cea que ver un directo da súa influencer favorita. Non hai prato que máis pracer lle ofreza que ver esas titorías sobre a música máis indie, a roupa máis de moda, ou os lugares con máis encanto do mundo. Lugares que Amalia só observa a través da pantalla.

Xavi, 11 anos. Acaba coa máxima rapidez as tarefas escolares que trae cada día para a casa porque ten unha cita ineludible co videoxogo Fortnite. A Play Station é a día de hoxe, a súa mellor amiga. Xavi non desfruta de ir ao parque cos amigos, as quedadas con eles son a través da adrenalina compartida que xera comprar armas e matar.

Nerea, 3 anos. Non come nin unha culler de puré de patacas se non está ao outro lado Peppa Pig. Este animal a ten hipnotizada. Coa súa curta idade Nerea é toda unha ditadora. Os seus pais saben que só existen dúas opcións, ou Peppa Pig na tablet ou o berro desmedido con chamada de atención dos veciños.

Rafael, 50 anos. Todo un “yonqui” do traballo. Desexaría multiplicar as horas do día, porque agás as que emprega para durmir, non máis de 6, as outras as dedica a traballar. O ordenador sempre lle é fiel, e lle serve tanto para contactar con provedores como para promocionar os seus produtos a través da web e das redes sociais. Nos meses de verán, con parte das e dos clientes de vacacións, desespérase por non saber en que ocupar o tempo.

Xiana, 43 anos. 100% vexetal. Na súa alimentación non cabe un gramo de graxa, de azucre, de nada que non sexa saudable. 2 litros de auga ao día e 15 horas de exercicio á semana entre correr, pilates, e ioga fan o resto. Todo isto contado diariamente a través da súa canle de Youtube. Centos de seguidores e fans que secundan que a súa é a mellor forma de vivir.

Amalia, Xavi, Nerea, Rafael e Xiana son superyonkis. Son adictas e adictos a unhas drogas que case non se ven, que parecen non ter efectos secundarios no corpo, pero que sen embargo, mudan a súa forma de relacionarse cos iguais, co mundo e coa familia. Porque si, todas e todos forman parte da mesma familia. Familia numerosa hiperconectada. 100% tecnoloxía, 0% emoción.

A emoción a pon Maruxa, 76 anos. Nai de Rafael, sogra de Xiana e avoa de Amalia, Xavi e Nerea. Maruxa pon todo o seu corazón en cada conversa, en cada aloumiño, en cada encontro. É famosa no pobo pola súa exquisita man na cociña, tanto no doce como no salgado, tradición herdada dos seus antepasados e practicada tras 30 anos ao fronte do restaurante Maruxainas. Comentan no pobo que a súa empanada é a mellor en quilómetros.

Maruxa convida á súa familia todos os domingos a comer, a degustar algún dos seus saborosos pratos, sendo a súa especialidade a empanada de grelos. Pero Maruxa recibe case sempre a mesma contestación. Rafael está ata arriba de traballo e na casa de súa nai non chega ben a wifi para conectar o ordenador. Xiana prefire cociñar na súa casa pratos máis saudables, sen aceites e graxas, aptos para subir a Youtube. Amalia e Xavi irían a comer, pero habería que estar de volta na casa na próxima hora para as súas respectivas citas con Instagram e Play Station. Nerea non ten voz nin voto, pero acostumárona a comer con Pepa, e claro, se Internet non funciona ben na casa de Maruxa, xa saben a onde chegarán os choros…

O pernicioso das adiccións, de todas as adiccións, non é a dependencia ou o síndrome de abstinencia, sabemos que iso con axuda farmacolóxica e con terapia pode mudar. O realmente daniño de ser superyonqui é que acabas afastándote das persoas que queres e que te queren, desas persoas incondicionais que ante calquera problema están dispostas a abrir a súa casa e poñerte sobre a mesa a súa mellor empanada de grelos. 0% tecnoloxía, 100% emoción.

Salir de la versión móvil