Agosto

Beach and ocean scenics for vacations and summer getaways
Beach and ocean scenics for vacations and summer getaways

E chegou de novo agosto. Aí está unha vez máis con ese ar canso e pesaroso. É unha impresión propia se cadra non moi compartida. Agosto acolle a alegría das vacacións pero el non semella alegre, non tanto como maio ou xuño, meses saltariqueiros que medran día a día con ímpeto xuvenil e ilusionante. Agosto é coma un anfitrión farto duns invitados barulleiros que non deixan, entre risas  e chisposas licenzas verbais, de viaxar á neveira co atrevemento impune dos saqueadores.

Agosto é un mes ao que axiña se lle notan as gañas de deitarse, de estalicar, alomenos, as pernas no sofá para favorecer unha circulación a piques de colapsar nun ir e vir certamente fatigoso. Ai, agosto! Desexamos que chegue, iso si, se cadra ata é un dos meses máis desexados, porque nel, para moitos, os ritmos vitais, obrigatoriamente sometidos ás lóxicas laborais no resto do tempo, descarrilan cara os espazos abertos do relax sen espertador ferinte e acadan novos pulos, distintas sensacións, ata pode ser que un simulacro de rexuvenecemento.

Desexamos que chegue agosto, claro que si, pero cando xa o levamos mediado, ou algo máis, empezamos a sentilo pegañento e molesto, como unha desas camisetas que usamos para facer running e que tan ben nos quedan no primeiro paso e tan insoportables no resultan no último, e se por nós fose acelerariamos a manivela do tempo para chegar axiña á elegancia de setembro, ao reencontro coa nosa imaxe máis recoñecible, co que vimos sendo na rutina diaria (e tantas veces insoportable) dos deberes e das obrigas.

En setembro abandoamos o pantalón curto ou os pareos, esas combinacións imposibles de cores rechamantes, e adicámonos a mirar as fotos que fixemos coa xarra enorme de cerveza camiño dos beizos, por exemplo, ou aquelas outras nas que saímos rindo ata o desencaixe mandibular sen que sexamos capaces, dende a superioridade moral de setembro, de lembrar os motivos, o máis que probable chiste faltón, a tontada baleira e infantil, que provocaron tal desmesura.

Cando chegamos a setembro lembramos agosto coa mestura dun «aí quedaches» vingativo e un «que pouco te aproveitei», case diríamos que elexíaco, porque somos así, seres permanentemente exiliados do presente, e agosto lembraranos a nós co alivio de quen por fin consegue desfacerse dos visitantes desencarreirados e irrespectuosos, noctívagos e beodos.

Agosto é, sen dúbida, o mes que mellor nos coñece, é o que nos ve sen a máscara da formalidade, sen as cordenadas esixentes da reputación. Agosto tenos visto espidos e bailando nalgunha praia de lúa chea, por exemplo. Agosto sábeo todo de nós, e se cadra é por iso polo que nos acaba cansando tan axiña, aínda que seguro que non tanto como o cansamos a el, que non hai máis que velo ao pobre.

Hai anos, cando non pasaban tantas cousas como agora, agosto era o mes no que non pasaba nada. Un mes odiado polos xornalistas, que estiraban as serpes ata que non daban máis de si. Agora é distinto. Agora hai tanto de que falar en agosto que case é mellor non dicir nada.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.