As gaivotas seguen aí

gaviotas

Teño os ollos pechados e dáme a brisa na cara. Sinto a música dun veciño, pero gústame, e ademais tena baixiña e non molesta. Estou sentado na galería da casa, apoiado na ventá aberta. Tamén sinto os pasos dalgunha xente, moi pouca. Algúns falan dunha beirarrúa á outra. Nunca usáramos tanto a galería. Boto máis de media hora así, sen facer nada. Agora hai tempo.

Por momentos, quero pensar que de todo isto vai saír algo bo. Que non podemos continuar igual que antes, que sería ben triste que pasase a crise e non deixara poso ningún. Que saíramos de casa, de aquí a dous meses, e non houbera outro cariño, nin outra sensibilidade mais viva, nin uns sentidos mais espertos. Que non se traducira noutro respecto pola responsabilidade; pola individual e pola social. Que non aprendéramos nada e seguíramos confundindo as modas có importante, o noso aburrimento cos problemas reais. Que sería unha mágoa e un erro.

Tamén sinto as gaivotas: encántame vivir nun sitio onde hai gaivotas e óense os seus berros. Lémbranme a Vicedo, de neno. Despóis de comer, cando ía máis calor e aínda era cedo para a sesión de tarde da praia, e o sol daba vertical na ría e a auga víase dourada dende o balcón da casa dos meus tíos, ao mellor saía fora e unha gaivota pasaba voando e chamaba, e outra contestaba nun tellado. E houbo dous ou tres días, nun verán daqueles, que fun eu so ao porto, cando aínda era o porto vello, e deiteime nunha rede recollida, e quedei mirando ao ceo. Despois debín de cheirar a peixe todo o día, pero corenta anos despois aínda recordo aquela sensación de soidade distinta. E as gaivotas pasaban por riba de min.

Non imos mellorar. Porque un mira ao redor e recoñece a imprudencia de sempre, o falar por falar de sempre, a mala idea, a xenreira, os mesmos bandos irreconciliables, a mesma incapacidade para o diálogo, a mesma ignorancia e a peor das estupideces, a dos que se cren mais listos. Temos un problema de educación, de mentalidade, que non se cura vendo memes na casa. E por iso non imos saír desta mellores que antes.

Pero, entón, ¿que pasa coa xenerosidade, co sacrificio e o esforzo que vemos a diario? ¿E con toda a xente traballadora, responsable e cumpridora, que tanto está a facer? ¿E cos especialistas e estudosos, que agora ata poden falar un pouco? ¿Non importan? ¿Non se notan? ¿E non se vai notar tanto como nos botamos de menos?

Importa, claro que si. Importa que haxa quen sabe. E importa moitísimo que a meirande parte da xente sexa boa. E nótase. Lévase notando dende que somos o que somos. Porque sen eles teriámonos extinguido hai séculos. Porque son esas persoas as que nos salvan de nós mesmos, as que sosteñen o mundo cada día e fano vivible. E van seguir así. Coma o sol, a brisa e as gaivotas.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.