Non houbo moita sorpresa na confección das candidaturas electorais dos grandes partidos políticos en Galicia. O PP de Galicia, como xa vaticinou o seu presidente Alberto Núñez Feijóo, desmarcouse da estratexia do seu partido no País Vasco e non concorre ás eleccións da man do seu aliado máis natural, Ciudadanos. Tan só incorporará a algún ex-cargo do partido laranxa como independente nas súas listas.
Máis dunha ducia de altos cargos do goberno galego cesaron do seu cargo para formaren parte das listas electorais do PP, entre eles os delegados da Xunta en varias cidades galegas e os responsables de Turismo, Emigración e Igualdade. Ademais os concelleiros Alfonso Rueda, Román Rodríguez e Vázquez Almuíña acompañarán a Feijóo por Pontevedra; Francisco Conde volverá a ir por Lugo; e Miguel Santalices e José González formarán nas listas xunto a Mouteira e Miranda nos primeiros postos por Ourense.
Máis revolta foi a confección das listas dos socialistas galegos. O comité nacional do PSdG non respectou ao cento por cento a vontade das listas provinciais e corrixiu algúns dos postos clave nas catro circunscricións, deixando tan só intactos aos cabezas de lista. Estes bailes de cadeiras entre compañeiros de fila evidenciou as bicefalias e os pulsos de poder que aínda sofren os socialistas nalgunhas provincias.
Pola súa banda, o BNG continuará cos actuais voceiros no parlamento como cabezas de lista, recoñecendo así a súa labor nestes catro anos. En abril, os de Ana Pontón poderán presentarse como a forza que aglutina todo o soberanismo coa incorporación da ex-diputada de Anova e ex-voceira de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, a escritora coruñesa Mercedes Queixas, membro da Real Academia Galega ou o avogado ourensán Iago Tabarés, membro do Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista.
En Galicia en Común, máis da metade dos postos irán a parar a membros de Podemos ou Esquerda Unida, quedando relegados os afíns a Anova ou ás mareas municipalistas. De feito, o ex-alcalde da Coruña, un dos principais referentes da Marea Atlántica, quedou finalmente fora da candidatura.