Estou sentada no exterior dun café, desfrutando do son do mar ao lonxe e da vitamina D que proporciona o potente sol, pero confortada por unha suave brisa que minimiza o impacto sufocante da calor estival. Neste momento, dende a tranquilidade deste espazo, penso en como algo tan pequeno pode dar tanta felicidade.
Penso se xustamente isto, os praceres mundanos máis pequenos son os que nos manteñen en pé. Despois dunha tempada para todas e todos chea de medos e incertezas quizás precisamos buscar un fogar cheo de tranquilidade.
E cando falo de fogar, non me refiro ás catro paredes dunha casa; senón a moito máis.
Para algúns pode ser unha persoa, a súa persoa fogar, aquela coa que unha mirada, un sorriso ou unha palabra son un verdadeiro éxtase.
Pode ser un lugar, un recuncho de terra que nos recorde a infancia, a adolescencia, os anos na Universidade, un espazo onde nalgún momento fomos tan felices que quedou gravado para sempre na nosa memoria.
Pode ser un cheiro, o desa comida que recordamos por sela nosa favorita, o dese perfume que nos indica a presenza de alguén a quen quixemos con loucura, ou o que ulía na natureza mentres realizabamos a nosa maior trasnada. Todo isto conforma o noso lar, o noso paraíso particular, e por iso volver alí nos calma, nos reconforta e nos aporta seguridade.
Sabemos que a vórtice diaria, todo o que hai que facer, o estrés, o urxente…non ofrece tregua, pero temos que poñerlle freo…temos que encontrala maneira de deixar oco para o importante, para o pequeno, e en definitiva, para o autocoidado.
Pensemos nas horas que pasamos coidando das demais persoas. Se estás lendo isto deberías pararte 1 minuto e pensar nesta cuestión. Suma o tempo que dedicas aos demais, atendendo as súas necesidades. Logo volve aquí para descubrir que efectivamente, ese tempo é case infinito.
Pensa pola contra no tempo que te dedicas a ti, só a ti, ao teu benestar. Volve de novo aquí para descubrir que ese tempo é anecdótico. E así un día tras outro.
Mudar esta situación require un esforzo persoal moi grande, deixar de mirar fóra para comezar a mirar dentro, pero sen dúbida a recompensa é absolutamente magnífica.
Buscade con ansia ese fogar, ese coidado propio, en medio do “non teño tempo” ou do “non é necesario”. Será unha viaxe de non retorno, pero será imprescindible para encontrala vosa luz. E desta maneira un día pode que vos encontredes nun café, preto do mar, coa brisa vespertina inundando a vosa face e sendo, só con isto, absolutamente felices.