Bailamos?

Dicía Serxio Dalma que “bailar  de lonxe non é bailar…” e estes días nos que no mundo están pasando tantas cousas aberrantes, quería disipar a miña mente quizás nalgo máis frívolo…ou non.

O certo é que en tempos de Tinder bótanse en falta as longas conversas cara a cara, as miradas a contraluz, e por suposto, os bailes ou medios bailes (cada quen fai o que pode) nalgún local de moda.

Pero non calquera baile, non, senón esas danzas que supoñen estar a medio centímetro da outra persoa, ese momento de intimidade no que da igual o que pase logo, porque nese instante xa está pasando algo.

O doutor Peter Lovatt, psicólogo investigador da Universidade de Hetfordshire, en Inglaterra, descubriu que bailar é para os humanos un ritual similar ao do cortexo das aves; nas que claramente se identifica se a persoa coa que se está bailando progresa adecuadamente, ou pola contra, necesita mellorar. Algo así como detectar de maneira rápida e sinxela se entre dúas persoas existe ou non química.

As avoas e os avós da miña aldea o tiveron sempre claro, “se me pisaba ao bailar non era para min.”

Tamén no noso país, o sexólogo Luis Tejedor se suma a esta hipótese; “a de bailar pegados é bailar”, argumentando que neste tipo de baile se establece unha conexión entre os nosos sentidos, as nosas emocións e as nosas razóns.

Xa se sabe, cando estamos preto de alguén, a vista, o olfacto, o tacto e o oído van a mil por hora. Algo así como que un rumoreo entrecortado mirando directamente aos ollos consegue un momento único de fogos de artificio.

E non serei eu sospeitosa de ser especialmente romántica, senón todo o contrario, pero o que é de lei non se pode negar.

E claro, unha vez que os sentidos fixeron o seu traballo, xa temos as emocións a flor de pel, que se complicidade, que se agarimo, que se confianza…a metade do traballo da sensualidade feito.

Entón chega a razón, o raciocinio, ese pensar que a persoa que temos enfronte é interesante, que é valiosa, e que merece a pena compartir tempo con ela.

Zas! Feito! Se isto que sentes é recíproco será o comezo de algo; pode ser a aventura dunha noite, poderá ser unha aventura pasaxeira, ou pode ser a aventura da túa vida, pero será significante.

Dime Ramón que a primeira vez que bailou con Adriano o soubo, e que a quinta vez que Ana o fixo con Teresa o tivo claro. Agora os seus netos respectivos, Julia e Aarón van quedar para bailar. Os catro teñen claro que melodías deberían soar para conseguir que ambos bailen xuntos, moi xuntos…unha noite, un día, unha semana ou para sempre.

En tempos de Tinder…bailamos?

Salir de la versión móvil