O Grupo Intergobernamental de expertos ( IPCC) que asesora ás Nacións Unidas, ven de emitir a finais de febreiro a segunda entrega do sexto Informe, co titulo Cambio Climático 2022: impactos, adaptación e vulnerabilidade no que avalía os impactos do Cambio Climático nos ecosistemas, a biodiversidade e as comunidades humanas.
Segundo afirman os científicos neste informe, o cambio climático provocado polo home está a causar unha alteración perigosa e xeneralizada na natureza, o que afecta á vida de miles de millóns de persoas en todo o mundo, a pesar dos esforzos que se fixeron para reducir o seu impacto.
Na primeira entrega realizada en agosto pasado concluía que o quecemento global do planeta débese á acción humana, de forma inequívoca, e que isto provocou un incremento na intensidade e frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos, como os extraordinarios incendios de Australia que arrasaron hai un par de anos 5,8 millóns de hectáreas, matando a millóns de animais, as inundacións de Centro-Europa do ano pasado, ou a vaga de calor do verán pasado no Pacífico Norte que fixo que se acadasen temperaturas por riba dos corenta graos en zonas do norte de Canadá, provocando 500 mortos.
A principal conclusión desta segunda entrega é que impacta en todos os sectores e rexións do planeta, pero son as rexións máis vulnerables, as que sofren os efectos máis negativos.
“A evidencia científica é inequívoca, o cambio climático é unha ameaza para o benestar humano e a saúde do planeta.”
Cita o informe como puntos vermellos de vulnerabilidade fronte ao quecemento global, a rexións de África, Asia, América Central do Sur, pequenos Estados insulares e o Ártico. Rexións onde habitan de 3300 a 3600 millóns de persoas, é dicir, case a metade da poboación do planeta. Estas rexións están expostas a furacáns e tormentas tropicais, e os riscos físicos da poboación están agravados polas precarias condicións socioeconómicas, a pobreza e a debilidade das institucións locais deses países.
A adaptación dos países máis expostos aos riscos do quecemento global non está a chegar ao nivel que debería, pois o financiamento comprometido de 100.000 millóns de dólares ao ano para axudar aos países en desenvolvemento para a súa adaptación, non chegou ao prometido debido á pandemia, e supoñemos que tamén se verá afectado pola crise derivada da terrible invasión e guerra desencadeada por Rusia en Ucraína.
Algunhas perdas xeradas polo quecemento global xa son irreversibles, como as primeiras extincións de especies, e outras se achegan á irreversibilidade como o retroceso dos glaciares ou o desxeo do permafrost do Ártico que provoca a liberación de dióxido de carbono e metano.
O cambio climático é perigoso por iso non convén dilatar ou postergar os recortes das emisións contaminantes de efecto invernadoiro nin tampouco as medidas de adaptación necesarias para paliar os seus efectos devastadores sobre millóns de persoas no planeta.
É necesario e urxente investir e desenvolver máis as enerxías renovables, eólica e fotovoltaica, para axudar a evitar o cambio climático, pero tamén, e estámolo vendo con nitidez coa invasión de Ucraína, para reducir a nosa dependencia enerxética de gas e petróleo, das importacións de países autoritarios e pouco fiables.
En definitiva, hai que ir aos poucos cambiando o modelo económico de crecemento, pero tamén ao mesmo tempo tomando medidas concretas que reduzan o consumo enerxético dos fogares. Neste contexto, parece moi interesante o chamamento do goberno francés, realizado nos primeiros dias de marzo, pedindo un esforzo cidadán para reducir o consumo de enerxía, solicitando aos franceses que reduzan polo menos nun grao a temperatura dos radiadores para reducir o consumo. Nesa mesma dirección manifestouse uns días máis tarde no Parlamento Europeo, o Alto Representante da UE para a Política Exterior, Josep Borrell, ao pedir aos cidadáns europeos que “baixen a calefacción para axudar a cortar a dependencia enerxética de quen ataca a Ucraína”.