COP-26: Cume do clima de Glasgow

Representantes dos case 200 países que forman parte da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, e que asinaron o Acordo de París de 2015 que obriga a reducir os Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) para evitar o quecemento global, reuníronse este mes de novembro, na denominada “Conferencia das Partes” ( COP 26) na cidade de  Glasgow para as negociacións sobre o clima co obxectivo de evitar que a temperatura do planeta non supere os 2º  C respecto aos niveis  preindustriais e na medida do posible non pase 1,5º C.

O quecemento global xa é dun 1,1º C con respecto aos niveis  preindustriais por mor das emisións de gases de efecto invernadoiro pasadas e presentes, e hai probas abafadoras de que iso entraña consecuencias graves para os ecosistemas e as persoas. Os océanos quentáronse, a súa acidez aumentou e a súa produtividade minguou. A fusión dos glaciares e os mantos de xeo provoca a subida do nivel do mar, e os fenómenos extremos costeiros son cada vez máis violentos. O quecemento global non se acelerou pero xera eventos máis intensos e frecuentes como as ondas de calor deste verán en Canadá que deixou máis de 500 mortos, as fortes choivas e inundacións en Alemaña, o temporal de neve  Hortensia, os devastadores incendios, ou as  secas.

Os estudos científicos liderados polo grupo de expertos ( IPCC) que asesora ás Nacións Unidas, advirte que imos mal e a concentración de  GEI na atmosfera marcan un récord a pesar da pandemia e os freos na produción mundial, e cos plans actuais a temperatura subirá ata 2,7º  C. Os principais emisores de gases son China que acumulou un 27% dos  GEI en 2019, séguelle USA cun 11%, India cun 6,6% e a Unión Europea (UE)  cun 6,4%. Pero historicamente o país que mais contribuíu ao quecemento global é USA.

O secretario xeral da ONU, o portugués Antonio  Guterres na apertura do Cume instou a revisar os recortes das emisións á atmosfera dos  GEI de forma continua e polo menos con carácter anual, e foi moi gráfico ao afirmar diante dos 120 lideres mundiais:

“Chegou o momento de dicir basta a cavar nosa propia tumba. Basta de tratar á natureza como unha  letrina”.

A Unión Europea na súa última actualización prometeu reducir as súas emisións nun 55% no 2030, con respecto a 1990; USA reducir o 53% en 2030 respecto a 2005 e China fixouse alcanzar o seu pico de emisións en 2030. O obxectivo final declarado por moitos países (entre eles España) sería conseguir a neutralidade do carbono ou emisións netas cero en 2050. Rusia e China aprázano para 2060 e a India 2070.

Algúns dos compromisos aos que se chegou na  COP 26 son os seguintes:

  1. A UE e USA propoñen un plan internacional para controlar a emisión de metano, responsable do 25% do aumento da temperatura global. Á proposta sumáronse 103 países, para reducir nun 30% as emisións nesta década con respecto a 2020. O pacto non ten vinculación legal e pode quedar nunha mera declaración de intencións se os países asinantes non o incorporan ao seu gobernanza
  2. Mais de 100 países e 30 institucións financeiras sumáronse a un pacto contra a deforestación. Aínda que os expertos e algunhas ONG mostran dúbidas de que se free a destrución dos bosques necesaria para evitar a emisión do dióxido de carbono á
  3. Países africanos liderados por Ghana, Madagascar e D. do  Congo, esixiron mais fondos para axudar a adaptarse para os efectos do quecemento global do que fan responsables ás nacións ricas, e que están a provocar secas, pragas, incendios descontrolados e subida do nivel do mar. O cambio climático podería acabar co 15% do PIB de África en 2030 e levaría a 100 millóns de persoas a situación de extrema pobreza. Piden financiamento para o Programa de Aceleración da Adaptación de África, para poder combater a  desertificación, reducir a desnutrición, acceder á tecnoloxías dixitais e servizos agrícolas, ou construír infraestruturas para a resiliencia climática.
  4. Trinta países e seis fabricantes de automóbiles pactan o fin do coche de combustión en 2035. Acordo non vinculante ao que non se sumou de momento España, Alemaña ou Francia. España na súa recente lei de Cambio Climática establece o 2040 como data tope para a venda de coches que non sexan de emisións cero.

No acordo ou declaración final en  Glasgow subscrito por 196 países, ao que se chegou despois de dúas semanas de traballos e deliberacións, admítese que os esforzos previstos para frear o quecemento global para esta década son insuficientes, e incluíuse unha petición para incrementar os plans climáticos en 2022 e aumentar os esforzos colectivos de todas as nacións para reducir as emisións de dióxido de carbono nun 45% respecto a 2010. E recóllese por primeira vez nun acordo da ONU, a redución substancial do uso do carbón como combustible (non  do fin do carbón como combustible, como pedían algúns países, expertos, e as ONG) e poñer fin aos subsidios “ineficientes” aos combustibles fósiles.

A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, declarou que hai un sinal moi forte que debería permitir que esta década sexa a do desterro a gran escala das combustibles fósiles.

Como coinciden os expertos, o Cume deixa un sabor agridoce, pois, aínda que se produciron algúns avances, conseguir o obxectivo do Acordo de París (2015) de frear o quecemento global, esixe acabar cos gases de efecto invernadoiro e facelo rápido, e as medidas actuais non son suficientes.

Salir de la versión móvil