Representantes dos case 200 países que forman parte da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, e que asinaron o Acordo de París de 2015 que obriga a reducir os gases de efecto invernadoiro (GEI) para evitar o quecemento global, reúnense desde o domingo seis de novembro, na denominada “Conferencia das Partes” (COP 27) na cidade de Sharm O-Sheikh (Exipto) para as negociacións sobre o clima co obxectivo de evitar que a temperatura do planeta non supere os 2º C respecto a os niveis preindustriais e na medida do posible non pase do 1,5º C.
Os efectos do Cambio Climático intensifícanse día a día e a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) advirte que a temperatura media de 2022 está xa en 1,15 graos por encima dos niveis preindustriais por mor das emisións de gases de efecto invernadoiro pasados e presentes, e hai probas abafadoras de que iso entraña consecuencias graves para os ecosistemas e as persoas. Os océanos quentáronse, a súa acidez aumentou e a súa produtividade minguou. A fusión dos glaciares e os mantos de xeo provoca a subida do nivel do mar, e os fenómenos extremos costeiros son cada vez máis violentos.
O quecemento global non se acelerou, pero as emisións globais de dióxido de carbono, o principal gas de efecto invernadoiro, ligado aos combustibles fósiles (petróleo e carbón) volverán marcar un máximo histórico este ano.
Esta situación de emerxencia climática xera eventos máis intensos e frecuentes como as ondas de calor deste verán no hemisferio norte; o desxeo dos glaciares bate récords e as fortes choivas ou inundacións sen precedentes en Paquistán e outros países hai uns meses; os furacáns, secas e terremotos causan devastación, e perdas nos seus cultivos nas zonas rurais e empuxan á pobreza a millóns de persoas nos países menos responsables do cambio climático.
Os científicos do IPCC (panel internacional de especialistas en cambio climático) estiman que entre 3300-3600 millóns de persoas son altamente vulnerables ao quecemento e fenómenos meteorolóxicos extremos.
Os países menos responsables do cambio climático esixen aos países ricos que lles compensen polas perdas e danos que sofren (algúns xa irreversibles, como illas a piques de desaparecer); os axuden a adaptarse e protexerse e que se establezan mecanismos de compensación das perdas e danos. Ademais, que se cumpran as promesas de financiamento de mobilizar 100.000 millóns de dólares anuais, pero tamén con axuda tecnolóxica e coñecemento que favorezan esa adaptación.
O secretario xeral da ONU, Antonio Guterres declarou que a COP27 debe establecer unha folla de ruta, clara e con prazos, para abordar as perdas e danos dos impactos que o quecemento global, e para que os países mais afectados poidan adaptarse aos efectos do cambio climático, para salvar vidas e acabar co que denominou “carnicería climática”.
Neste sentido hai que encadrar a proposta presentada no Cume, conxuntamente por España e Senegal de alianza contra a seca que conta co apoio de 30 países (USA, China, UE,…) e máis de vinte Organizacións.
Os países teñen que ser máis drásticos na redución de emisións, na descarbonización, e na súa transición enerxética cara a outro modelo de crecemento baseado en fontes de enerxía limpas e renovables (hidroeléctrica, solar e eólica), que protexa os ecosistemas e ás persoas máis vulnerables.
Esperemos que as resolucións e acordos deste Cume do Clima axuden a facer fronte á emerxencia climática.