De xuncos que se dobran

GettyImages-513065576

Manolo e Ramón publicaron en 1988 Resistiré, dentro do segundo álbum do seu grupo, o Dúo Dinámico. A canción, escrita polo letrista Carlos Toro é un símbolo da resistencia a unha condición adversa. Neste caso, un réxime ditatorial, o franquismo.

Pero non pretendo nesta columna falar de ditaduras, nin sequera de cancións que xa teñen a condición de himno da pandemia do COVID-19. Quero falar, pola contra, da resistencia, e doutro concepto aínda máis importante, o de resiliencia. Parecen palabras semellantes, pero non o son.

Resulta que a resistencia é esa capacidade que ten un corpo para soportar durante un tempo unha determinada forza exercida por algún elemento ou axente externo. É dicir, que a resistencia consiste en aguantar. Imaxinemos que o coronavirus é ese elemento externo, entón resistir significa soportar a febre, a tos, a falta de respiración…O xunco debilítase, dóbrase pero resiste e segue en pé. Pero segue en pé no mesmo lugar.

Que aporta entón a resiliencia? Esta é a capacidade dun corpo de adaptarse a unha situación na que se exerceu tal forza que superouse o nivel máximo de resistencia. É dicir, que neste caso o xunco pode quebrar, pero tras este proceso, renace un novo xunco. Non segue en pé no mesmo lugar, polo que é un xunco diferente. A resiliencia supón, polo tanto, un cambio, unha adaptación, e é por iso que as persoas resilientes non son aquelas que mellor resistiron, senón que son as que mellor se adaptaron.

Imaxinemos que trala situación de crise sanitaria perdemos a algunha persoa querida (parella, familiar, amizade, colega…). A persoa resiliente sería aquela que a pesar de pasar por unha situación terrible e de sufrir como a que máis, de negalo, de aceptalo, de enfadarse, de chorar, de maldicir, é capaz de recollelos anacos dun corazón ferido, minimizar o impacto e seguir adiante. É a persoa que decide quedarse co duro pero positivo da experiencia, que non cae no vitimismo e aprende da perda. É aquela que sabe que, por difícil que pareza de comprender, toda perda aporta unha ganancia. E esa ganancia a sitúa nun lugar diferente.

Probablemente todas as persoas que coñezas son persoas resistentes, pero atoparaste con algunhas que ademais, son resilientes. Se te encontras con algunha delas, observa a súa mirada, que sempre sorrirá con tenrura, escoita as súas palabras, que sempre aportarán luz, e fíxate en como se enfrontan aos problemas, comprobarás que sempre intentarán mostrarche o vaso medio cheo. E aprende, aprende e aprende, porque non se nace resiliente, chégase a ser.

Así que cambiemos a letra da canción do Dúo Dinámico e digamos a viva voz: son como o xunco que se quebra pero volve a estar en pé…

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.