Nestes días escoito continuamente a palabra infidelidade porque a unha muller famosa recentemente prometida fóronlle desleal. E emprego xustamente a palabra desleal e non infiel porque, aínda que entre ambas existen moitas similitudes, o certo é que tamén existen sutís pero importantes diferenzas.
Pensemos que un día a nosa parella sae de festa e nos engana con outra persoa; en principio se a relación é monógama e non existen na mesma códigos de liberdade afectivo sexual para con outras persoas, a nosa parella estanos sendo infiel. Algo así como dicir que nos traizoou ou que rachou un compromiso.
A infidelidade pode perdoarse dependendo de moitos factores e nisto cada persoa é un mundo, non hai dúas reaccións iguais. Sen embargo, a deslealdade ten un compoñente de humillación, de mentira, de aleivosía e de falta de respecto que provoca en quen a sofre unha profunda decepción. E este sentimento é, probablemente, dos máis complicados de remontar nos seres humanos.
Porque coa ira e coa rabia dunha infidelidade pódese co tempo chegar a bo porto, pero coa tristeza e o baleiro da decepción, é probable que a única solución sexa un punto e aparte. Ocorre nas parellas, pero tamén nas amizades e no ámbito familiar; aquela persoa que consideramos desleal, pouco honrada e eticamente irresponsable vai perder a nosa confianza e o noso amor.
E quería chegar á palabra amor porque cando amas a alguén, non deberías mentirlle durante días, non deberías tratalo como se fose unha persoa parva e, sobre todo, non o deberías expoñer ao xuízo público por unha acción que esa persoa non cometeu. Cando somos desleais con alguén actuamos de forma tan egoísta que antepoñemos a nosa satisfacción á dor da persoa “amada”, e sobre todo, lle negamos a oportunidade de decidir.
Decidimos por ela sen poñer todas as cartas sobre a mesa, como quen fai trampas xogando ao tute ou á brisca. E todos e todas sabemos que máis cedo que tarde, os naipes saen á luz. Así que, se ti que estás lendo estas liñas te sentes interpelado ou interpelada porque nalgún momento che foron desleal, saberás que todo pasa e que a vida continúa. Máis vale soidade que mala compañía.
Pola contra, se ti fuches ou estás sendo desleal, pensa se ese amor que dis ter vai máis alá do teu propio embigo, ou se é simplemente é un mal querer.