Educación e valores

images (2)_digital_art_x4

Ando a reflexionar estes días sobre os cambios que se produciron na educación, pero non na formal ou na que recibimos dende a escola, senón máis ben naquela que aprendemos todas e todos nos nosos lares. Recordo de pequena que unha das cuestións principais que me ensinaron na casa era como moi básica, pero tremendamente importante, e tiña que ver con terlle respecto ás demais persoas. É dicir, recoñecer que podiamos opinar diferente, ter puntos de partida moi distintos, realidades opostas inclusive, pero que todas as persoas eran válidas e que a tolerancia debía ser unha bandeira.

Respecto tamén polos proxenitores, por eses e esas que te coidaban e que estaban ao teu carón, e que coas súas virtudes e os seus defectos, ofrecían cariño incondicional. E hoxe encóntrome con moitas familias que me comentan que na casa o ambiente é de todo menos respectuoso, que teiman que a filla ou o fillo dispare —figuradamente— improperios á súa persoa, que destroce obxectos de gran valor material pero tamén sentimental, nunha escalada de violencia cada vez máis aguda.

Familias que pasan por veces medo, pánico e que sobre todo levan a procesión por dentro, sen dicirllo a ninguén e sen compartir esa angustia cos seus achegados, pola presión social de que algo mal deberon de facer para que os traten así. A culpa actuando en estado puro. E penso que tal vez haxa cousas que as nais e os pais podan mellorar, por suposto, pero creo sobre todo que hai un cambio social de valores que está a transformar o mundo, tal e como o coñeciamos.

Que o autoritarismo de onte de pais a fillos non debera mudar a un autoritarismo «moderno» de fillos a pais, que as casas deben ser espazos de seguridade e de calma, e non de ansiedade e prisión, trasladables en moitos casos, tamén á escola e ás rúas. Ao mellor hai que cambiar o foco da educación. Comezar mirándonos no espello sobre o que estamos transmitindo ás novas xeracións, o que estamos a sementar, e o que se está a recoller. Ao mellor temos que comezar a pensar que isto dos valores é algo tan integral que toda a sociedade é responsable, e que nesta batalla estamos todas e todos cabalgando.

Relacionadas