Agora que está en debate a nova lei de Educación, agora que todas e todos opinamos sobre o tema, agora que todas e todos somos persoas expertas na materia…pásaseme pola cabeza que é o verdadeiramente importante cando falamos de Educación.
Lonxe de contidos máis ou menos memorísticos, que farán falla para aprobar os temidos exames de máis de 10 materias, hai algo que na escola debería de estar por riba para acadar esa Educación Cum Laude que todas e todos queremos. Non é nada máis e nada menos que iso que de maneira moi residual escoitamos ás veces, chamado VALORES.
Segundo a Real Academia Galega os valores defínense como os principios que rexen o comportamento das persoas, é dicir, que a priori deben ser cuestións bastante importantes, e sen embargo, no noso sistema educativo (con calquera das súas leis) nunca deixaron de ocupar un lugar anecdótico. Pois ben, unha educación que aposte por valores como a igualdade, a inclusión e a tolerancia parece que sería a propia dun país do século XXI.
Cáusame incluso entusiasmo pensar que ter menos recursos económicos, vir dun país estranxeiro ou nacer cunha determinada discapacidade non vai marcar o futuro académico, e en consecuencia vital, dunha nena ou dun neno da nosa contorna, porque existirá un sistema público de ensinanza que salvagardará as posibles desigualdades que se encontren no camiño.
E xa postos a soñar, encantaríame que ese mesmo sistema se encargase de transmitir os valores dos que falaba con anterioridade, engadindo outros tan necesarios nestes tempos como a asertividade, a empatía ou a tolerancia á frustración. Con respecto a esta última, faise preciso educar ás novas xeracións no fracaso, que saiban que nas súas vidas non van ser infalibles, que vanse equivocar unha e mil veces, que en ocasións tocarán fondo, que haberá situacións que lles costará xestionar, e que incluso en momentos puntuais terán que pedir axuda, porque haberá circunstancias que non podan afrontar.
E educar desta maneira, na casa pero tamén na escola, será un éxito de toda a sociedade. O éxito non consiste en que todo o alumnado sexa brillante, senón en que cada persoa poda encontrar a súa motivación, esa que sexa capaz de mudar a maior das caídas en ascensos medios, ou en carreiras meteóricas. Converter un fracaso en éxito é unha valiosa aprendizaxe, polo que comecemos a poñer no seu lugar aos valores e teñamos aprendizaxes máis significativas.
Quizais así, nun hipotético caso surrealista no que o mundo tivera que vivir unha pandemia, unha persoa educada na escola dos meus soños, non se burlaría dunha nena que tivera un virus contaxioso, non faría festas clandestinas en estado de alarma, e non sairía á rúa sen máscara antes de visitar á avoa. Dalgunha forma, comprendería, que algúns fracasos persoais menores son necesarios para un éxito conxunto.
“O fracaso é parte da vida; se non fracasas non aprendes e se non aprendes, non cambias”
(Paulo Coelho)