A composición do vindeiro Parlamento de Galicia estará composto, a todas luces, por tres grandes forzas como son o PP, o PSdG e o BNG, a tenor do que reflicten as enquisas. Os comúns e unha posibilidade moi retoma dun grupo mixto composto por VOX e Ciudadanos poderían completar o arco parlamentario.
Con estas cartas enriba da mesa e dado que os populares non teñen garantida a maioría absoluta, cabe preguntarse quen poderá ser o próximo presidente ou presidenta da Xunta.
A reelección de Núñez Feijóo podería ser unha opción moi probable se finalmente consegue conter unha eventual fuga de votos pola dereita, atraídos polas candidaturas de Ciudadanos e de Vox. De reeditar unha maioría por enriba dos 38 escanos, volvería a ser reelixido por cuarta vez como presidente da Xunta.
De non ser así, ábrese un novo abano de posibilidades respecto a quen ocupará os despachos de San Caetano. Os socialistas teñen moitas papeletas de seren a segunda forza política con máis votos é previsible que os de Gonzalo Caballero poidan contar co apoio do BNG e dos Comúns para conformar un goberno liderado polo bloque de esquerdas.
Porén, existe outra posibilidade que xa empeza a barruntar a clase política galega e é que Ana Pontón se converta na próxima presidenta da Xunta de Galicia e a primeira muller en facelo. A candidata nacionalista está actualmente moi ben situada para ocupar este posto, xa que non é descartable, á luz das enquisas, que o BNG repetise os sorpassos aos socialistas como no 1997 e no 2001 e Ana Pontón fose a candidata máis votada do bloque de esquerdas, o que a colocaría como a favorita para ocupar a presidencia do goberno galego.
Outra hipótese é un acordo cos comúns para presentala como candidata se a suma de ambos partidos ten máis deputados que o PSdeG. Os socialistas veríanse na tesitura de ter que elixir entre esa opción e a candidatura de Feijóo.
Calquera destas dúas posibilidades empezan xa a preocupar nas filas populares a tenor das declaracións do seu secretario xeral, Miguel Tellado, quen recentemente cualificou esta posible situación como «de risco» para Galicia. «Está en xogo a estabilidade política na Comunidade e o risco de que a coalición sexa liderada polo BNG na Xunta é real», dixo o dirixente do PPdeG en declaracións a Radio Galega.
O nerviosismo dos populares ante a posible perda da maioría absoluta que lle dan as enquisas, que significaría perder o goberno de Galicia, vese acelerado pola posibilidade de que a representante do soberanismo galego, Ana Pontón, sexa a próxima presidenta da Xunta.