Ferrol, exposto

Un dos lugares comúns da crítica -autocrítica, máis ben- a Ferrol é dicir que non hai oferta cultural. É algo repetido con frecuencia, normalmente pola xente que menos se interesa pola cultura e xa non tiña pensado ir a nada, nin aquí nin noutro sitio. Teño a dúbida de se é unha escusa para se xustificar, ou simplemente un exemplo máis de ese valorar sempre máis o de fora.

Para contradicir esa inxusta afirmación, vimos de visitar dúas exposicións: unha que leva xa case dous meses e está a piques de rematar, Ferrol no tempo, na sede de Afundación no Cantón, e outra, Orixes. Ferrol Castrexo, no día que se inauguraba no Centro Cultural Torrente Ballester. Esta última, ademais, supuña o primeiro fito da actividade da recentemente creada Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, asinada entre o Concello e a Universidade da Coruña, e dirixida polo profesor Juan Luis Montero Fenollós.

As dúas exposicións valen moito a pena e resultáronnos moi interesantes, ao que tamén axudou o feito de velas baixo a guía dos seus responsables, o citado Juan Luis Montero e, no caso de Ferrol no tempo, Manuel Gago, director de culturagalega.gal, do Consello da Cultura Galega, e comisario da mostra, na que colabora tamén o historiador ferrolán Guillermo Llorca.

Ferrol no tempo fai un recorrido pola nosa cidade dende a xa mítica batalla de Brion ata case a Transición, pasando pola construción do primeiro Arsenal e a explosión urbanística que xerou, o Ferrol ilustrado, os estaleiros, a industria -naval e non naval-, a cultura e as características sociais máis salientables dunha cidade que sempre amosou uns trazos propios afastados do común. E sorprende. Aínda que se teña un por mínimo coñecedor da nosa historia, sorprende: sorprenden os datos, sorprende saber que fomos pioneiros en non poucas cousas, que fomos rompedores e modelo a seguir; que estivemos na vangarda da técnica e mesmo en iniciativas sociais -educativas, laborais ou de apoio aos máis necesitados-. E o resultado, polo menos nos noso caso, foi un sentimento de orgullo. De orgullo de Ferrol. Do que non andamos moi sobrados.

Orixes. Ferrol castrexo, como o seu nome indica, vai moito máis atrás no tempo, ata o 800 a. C., e amosa unha época, a Idade do Ferro, da que sabemos e falamos menos. Identifica e localiza os primeiros asentamentos humanos e a súa pegada, coñecida grazas á labor de colectivos como Dugium, o Ateneo Ferrolán ou a Sociedade Cultural Columba, ou de estudosos como os profesores Ana María Romero e Xosé Manuel Pose, ou o arqueólogo Alberto González, sen esquecer, por suposto, a propia Universidade e, en concreto, a súa Facultade de Humanidades, cos traballos de Victor Alonso Troncoso e, agora, do profesor Montero Fenollós. E é precisamente Juan Luis Montero, reputado investigador experto en Mesopotamia, con moitos anos de traballo no terreo en Siria e Palestina, quen aporta esa experiencia e a súa seriedade a esta nova cátedra de arqueoloxía, que promete facerlle un sitio ás nosas primeiras orixes na vida cultural de Ferrol.

E, a propósito de vida cultural, Gago dáballe voltas na súa visita, unha e outra vez, á idea do ambiente que nunha época houbo na cidade. Un ambiente resultante da coincidencia dun número excepcional de técnicos, industriais, científicos e académicos locais, doutros puntos de España e mesmo do estranxeiro, e que constituíu o perfecto caldo de cultivo para o desenvolvemento tecnolóxico, económico, social e cultural. Porque foi un ambiente que -salientaba Manuel- tivo a particularidade de estar protagonizado por persoas que sempre deixaron un oco para a arte, para as humanidades, para a outra cultura, esa que pode que non lles dera de comer pero lles daba, sen dúbida, unha vida máis digna e motivos para vivila.

E iniciativas como esta nova cátedra de Arqueoloxía, e exposicións como estas dúas, son, na miña opinión, pasos na boa dirección. Pasos importantes, pasos que contan. Ingredientes que contribúen a crear ese ambiente que pon as bases para que todo o bo creza.

A ninguén se lle escapa que a economía manda, e que non hai combustible para o motor da nosa cidade que substitúa aos cartos; pero, aínda así, compre lembrar que as mellores sociedades, as sociedades máis avanzadas, sempre foron aquelas que souberon mirar máis alá do inmediato, do urxente, das utilidades máis evidentes, e lle deron importancia a eses outros valores que lles servían de forza intelectual, de guía moral e de inspiración. Sociedades que tiveron claro que boa parte do seu esforzo tiña que centrarse na procura duns froitos que tardarían tempo en xurdir, pero que, aínda así, eran imprescindibles. Sociedades que tiveron claro, como insiste en lembrar Montero Fenollós, que desdeñar unha parte do coñecemento, en aras dun suposto pragmatismo, non fai avanzar máis, senón correr sen xeito.

Houbo outra idea que salientou Gago con asombro, ao comentar ás reaccións á exposición de visitantes, en vivo, nas redes, etc.: o moito que falaban de autoestima. Nunca tal vira. Dixémoslle que, de entre todas as cousas que nos faltan en Ferrol, unha é, sen dúbida, esa, a nosa autoestima. E que, sen ela, todo -colaborar, aportar, ceder, emprender, crer, apostar, crear ou quedarse aquí- é máis difícil.

Ogallá que estas miradas completas, realistas e positivas ao noso pasado axuden a levantala.

Salir de la versión móvil