IDH: Tempos incertos, vidas inestábeis

A incerteza e sensación de inseguridade das persoas fortalece os lazos entre os que comparten crenzas afíns ou similares e aumenta a desconfianza fronte aos que pensan de modo diferente

O Índice sobre Desenvolvemento Humano (IDH) que elabora o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) é un indicador do desenvolvemento humano e progreso dos países. Mide o grao de desenvolvemento dos países a través de tres dimensións básicas: a situación da saúde (a través da esperanza de vida ao nacer), a educación (media de anos de escolarización) e as condicións económicas de vida dos países (PIB per cápita ou renda por persoa). Clasifica aos 189 países representados en catro partes en función do seu desenvolvemento, dende os máis pobres co IDH baixo ata os de máis desenvolvidos co IDH moi alto.

Acábanse de publicar os datos correspondentes a 2021 e entres as conclusións recóllese que o IDH en xeral empeorou durante os últimos dous anos consecutivos e retrocedeu a niveis de 2016, botando por terra gran parte dos avances que se conseguiron a nivel mundial cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados en 2015, para paliar os efectos e avance do cambio climático. Por primeira vez o IDH descendeu por segundo ano consecutivo a escala mundial a resultas da pandemia do COVID. O 90% dos países sufriu unha diminución do Índice en 2020 ou 2021.

Os países de desenvolvemento moi alto están encabezados por Suíza, Noruega e Islandia, e entre os países de menor desenvolvemento están os do África subsahariana e outros como Iemen, Afganistán ou Haití. España mantense na zona alta coa posición 27, mellorando en seis milésimas o dato do ano anterior cunha puntuación de 0,905 (o límite máximo é 1). A rexión que máis retrocedeu é América Latina e o Caribe, debido a que foi a área mais afectada pola pandemia COVID.

O Informe sobre Desenvolvemento Humano que acompaña á publicación dos datos do IDH leva por título “Tempos incertos, vidas inestábeis”. Neste documento advírtese de que a situación mundial está afectada por unha multiplicidade de capas de incerteza debido á pandemia COVID, ás guerras (Ucraína e outros lugares) e ás manifestacións explosivas do cambio climático, das que en España fomos testemuñas coa onda calor sen precedentes que dominou estes últimos meses  coa explosión do volcán de Palma, ou cos incendios e temporais dunha violencia inusitada.

A pandemia e a guerra en Ucraína castigaron ás cadeas de subministración, provocando desabastecementos, aumento dos prezos da enerxía, dos alimentos e das materias primas e outros bens. Hai unha sensación de que as institucións e normas das que adoitabamos depender non están capacitadas para afrontar a incerteza e inseguridade actual, que en parte vén xa de anos atrás, pois non podemos esquecer a gran crise financeira de 2008. A incerteza e sensación de inseguridade das persoas fortalece os lazos entre os que comparten crenzas afíns ou similares e aumenta a desconfianza fronte aos que pensan de modo diferente.

Destaca como luces nesta situación a impresionante fazaña de desenvolver vacinas seguras e eficaces contra un virus novo en menos dun ano, que salvou millóns de vidas, e supuxo un enorme esforzo de tecnoloxía, solidariedade e cooperación entre os países e empresas. Aínda que sen esquecer o acceso desigual e inxusto ás vacinas, que conduce a que en países de baixos ingresos, como os de África, a poboación teña un acceso moi reducido ou nulo.

O obxectivo do Desenvolvemento Humano é axudar a que as persoas melloren o seu nivel de benestar, pero tamén a capacidade de actuar e as súas liberdades. Nesta liña, o Informe realiza unhas recomendacións de políticas a desenvolver: a) Investir en cuestións como as enerxías renovables e preparar ás sociedades para afrontar os perigos naturais extremos ou as crises mundiais; b) Asegurar á poboación, con investimentos en servizos básicos de protección social como a saúde, a educación, etc.; c) Innovación tecnolóxica, económica e cultural para responder a desafíos descoñecidos.

O Informe, por último, rétanos a crear e imaxinar un futuro próspero para a humanidade, e a que a incerteza non sexa motivo de estancamento. Nesta época de crisis e turbulencias a boa noticia é que contamos con mais ferramentas que nunca para axudarnos a navegar e seguir o rumbo correcto.

Salir de la versión móvil