Máis teoría

“Todo aquelo que unha persoa ignora non existe para ela. Por iso o universo de cada un limítase ao tamaño do seu saber”. Einstein, disque.

Albert Einstein demonstrates mathematical formulas on a blackboard in front of California scientists.

Tamén eu vou opinar sobre educación. Aínda que o meu atrevemento non vai chegar ata o punto de propor unha solución total ao noso sistema de ensino –pozo sen fondo de erros e defectos, ao parecer, e merecedor de todas as críticas e descualificacións imaxinables-, senón que me centrarei nunha cuestión moi concreta que me chama a atención dende hai xa varios anos, como pai e como profesor: a obsesión polo coñecemento práctico.

Hai un mantra que levo xa tempo escoitando, tanto na casa como nas diferentes aulas onde estiven, e polo tanto nun rango de idades que vai dende a Primaria ata cursos varios de posgrado, onde o alumnado, ás veces, ten xa máis de corenta anos e aínda así segue coa mesma leria: “Por que non nos deixamos de tanta teoría e nos centramos na parte práctica?”

E iso non ten, salvo contadas excepcións, sentido ningún.

Eu, non é que estea contra a aprendizaxe por competencias; o único que pido é que esas competencias estean ben definidas. E unha das cousas que non poden implicar é levar iso de saber facer ata as súas últimas consecuencias, e dun xeito literal. Porque é verdade que hai formacións que, sobre todo, consisten en ensinar unha práctica, un procedemento, unha técnica, pero son poucas, e non están nin en primaria, nin en secundaria obrigatoria, nin na universidade nin nun posgrado.

Nin sequera en formación profesional, co específica que é, abonda con ensinar como facer algo e deixalo aí, porque iso é pan para hoxe e fame para mañá. Pero moito menos naquelas etapas onde o que se busca é, ben proporcionar uns coñecementos que sirvan para toda a vida, ben sentar as bases para seguir estudando, ben afondar nun eido moi concreto a un nivel de especialista.

En todos estes casos, o que remata ten que levar no peto, é verdade, ferramentas, e esas ferramentas terán, en xeral, un carácter práctico que permita desenvolverse na realidade; pero ten que levar moito máis.

Aprender unha técnica, un método, un procedemento, sen máis, é insuficiente sempre, salvo que o único que queiramos facer sexa sacar adiante unha tarefa mecánica. No momento en que o noso obxectivo sexa algo máis ambicioso e amplo, ou simplemente aspiremos a non ter que deixa-lo traballo cando cambien o proceso, xa non abonda. Xa necesitaremos entender os porqués de todos aqueles mecanismos: necesitaremos a teoría.

Educar non é dar un manual de instrucións. A persoa que non sabe máis que repetir uns pasos, para empezar non vai poder adaptarse aos cambios; pero é que, ademais, non será capaz de analizar ese método para melloralo ou directamente substituílo, non será quen de aportar nada –que non sexa pedir que a tecla F12 abra outra pantalla-, non será capaz de pensar nos problemas de fondo nin en novas formas de afrontalos.

É dicir, será un operario, con limitacións e facilmente substituíble por algunha máquina. Porque lle faltarán coñecementos, porque non chegará a entender o que fai nin por que, porque non terá unha visión clara dos temas nos que traballa e terá que ser levado da man a calquera sitio distinto.

E o sentido de boa parte da educación –e sen dúbida das que dixen antes- é exactamente o contrario: comprender os problemas –e os non problemas- en profundidade, ter unha visión ampla deles, ser quen de relacionalos con outros, ser quen de buscar antecedentes e coñecementos aplicables, saber achegarnos a eles dende a experiencia allea pero con enfoques novos e, en definitiva, pensar con xeito. Falemos de traballo ou da vida, tanto da.

Para non limitarnos a repetir o que outros pensaron por nós, para ter opinións propias e mellor fundadas, para ter pensamento crítico, para poder estudar máis, para abrir portas e descubrir novos camiños: para seguir avanzando no coñecemento, que boa falta fai.

Salir de la versión móvil