Mal tempo

Volveu a choiva. Marchar non marchara, que quedou case todo o verán; pero esta choiva desta fin de semana xa era choiva de inverno, de tardes escuras de quedar na casa. E aínda así, o sábado, en lugar de quedar lendo ou vendo unha película, fun pasear. Co paraugas. E volvín a casa deprimido.

Gústame Ferrol. Gústame e quero vivir aquí. E levo anos defendéndoo. Fronte aos visitantes e fronte a moitos ferroláns. Dicindo que é unha cidade cun centro que vale a pena e uns arredores privilexiados, e que non é verdade que estea morta, que hai vida, que nós temos vida nela, que hai cousas que facer e sitios onde ir. E créoo.

Pero, aínda así, hai datos innegables, como a evolución demográfica e a deriva económica. E impresións difíciles de obviar, como a de pasear unha tarde de choiva pola rúa Real e comprobar que, das tendas que quedan, o noventa por cento non abre ese día, igual que boa parte da hostalería —en cantas cidades pecha tanta hostalería as fins de semana?—; que todo está a escuras, porque o alumeado público é moi insuficiente e os escaparates están apagados; e que non hai ninguén, practicamente ninguén máis.

Que máis quixera eu que ser quen de dar receitas para solucionar un problema que, moito me temo, é estrutural. Parece claro que, se non hai cartos, falta a leña que fai andar a maquinaria, e non hai moito máis que engadir: se falta o diñeiro, na nosa sociedade todo se para, empezando polo consumo. E o noso modelo non se sostén sen consumo.

Xa digo que son consciente da complexidade e fondura do problema. Pero un pensa que o mínimo que se debería facer é eliminar trabas, que como mínimo habería que facilitar as cousas. E un pensa —seguramente, porque leva anos sufríndoas—, por exemplo, nas comunicacións. Non sei se para que veñan inversións ou só para converternos en cidade dormitorio, e que os coruñeses veñan alugar pisos, facer a compra e saír de tapas aquí; pero, para calquera cousa, fai falla que chegar a Ferrol non sexa unha tarefa de titáns.

E un pensa, sobre todo, no tren. Porque por economía, seguridade, comodidade e baixo impacto medioambiental, é o medio de transporte que, sen dúbida, deberíase primar e  potenciar por riba dos demáis. E non falo xa da longa distancia, con miserias e limitacións que coñezo ben, senón da media distancia e das cercanías, que son, na miña opinión, as que marcan o día a día da xente.

Sobre o tema xa se ten dito case todo, tamén no apartado de lamentos, así que todo soa repetido. Pero ao mellor non saben que o ALVIA tarda o mesmo en chegar de Madrid a Zamora que en chegar de Coruña a Ferrol. O mesmo: hora e media para facer 250 quilómetros ou 60. E non hai ningún outro que mellore ese tempo. Co que, simplemente, a opción de ir ou vir en tren desaparece. Un coruñés pode traballar en Pontevedra e desprazarse alí cada día en 50 minutos, botando unha sesta se quere. E viceversa.

En cambio, o de vivir en Ferrol e traballar na Coruña ou en Santiago —a unha distancia que noutros sitios non é barreira ningunha: hai xente que traballa en Madrid e vive en Toledo, Guadalaxara, Segovia ¡ou Valladolid!, porque lles compensa— supón tanto tempo e tanto custe que, todo o que pode, o evita, co que iso significa en materia de oportunidades laborais para nós, ou para o noso consumo, empezando polo mercado inmobiliario, moitísimo máis barato que o herculino ou o compostelán.

É evidente que o tren non solucionaría todos os nosos problemas, pero poría as cousas un pouco máis doadas. E iso xa é algo. Tería un impacto positivo claro, directo e indirecto, en Ferrol. E sen contrapartidas indesexadas.

O tren, un tren funcional, fai falla. Para moitas cousas. Algunhas importantes, e outras fundamentais.

Salir de la versión móvil