Carme agarda a Maly na estación aeroportuaria de Nom Pen, en Camboya, tremendo de nerviosismo. Tomou varias infusións relaxantes pero nin todo un exército de tila remataría coa súa ansiedade. Despois de 5 anos e medio por fin pode dicir que Maly é a súa filla. Unha adopción dura, chea de atrancos, de insatisfaccións…pero tamén de esperanza. Hoxe o desexo máis grande de Carme faise realidade.
É xustamente a palabra desexo a que resoa na miña cabeza cando penso na maternidade; levoume máis de 30 anos definir que esta era a palabra que máis se axustaba.
Porque ás veces a maternidade véndese como unha obriga natural (reproducirse, deixar descendencia, continuar coa saga familiar…). Outras veces concíbese como un dereito, como se todas as persoas puideran escoller á carta aos seus descendentes, pagando incluso un ventre de aluguer se fora preciso. Noutras ocasións, a maternidade proxéctase como unha necesidade (e aquí se impón a idea errada de que para ser unha muller completa hai que ser irremediablemente nai).
Pero o certo é que o desexo é o que move o mundo da maternidade. Só se queres ser nai, deberas ser nai. Só se queres ser pai, deberas ser pai.
Carme, solteira, 43 anos, con problemas para ser nai de forma biolóxica porque aos 25 tivo un accidente que revolucionou todo o seu sistema hormonal, desexaba con toda a súa alma ter entre as súas mans unha crianza na que depositar todo o seu amor. Non ten piso en propiedade nin vive con grandes luxos; todo o seu patrimonio investiuno en ofrecer legalmente unha vida mellor a Maly.
Pregúntome cantas Carme hai no mundo; cantas mulleres e cantos homes non teñen sinxelo o de ser nais e pais e poñen todo o seu empeño en acadalo. A conta non sería doada, porque entre 7.000 millóns de persoas neste universo, seguramente que son incontables.
E sen embargo, cada día elas e eles érguense da cama, van traballar, visitan o supermercado, toman un café no bar de barrio e van pola vida cun sorriso na boca. Porque a dor, a desesperanza e a tristeza a mudan polas ganas, a forza e a ilusión.
Deste desexo ás veces difícil de cumprir fálase pouco ou non se fala, así que se algún día te atopas cunha Carme pola rúa, ou se a tes entre os teus coñecidos ou persoas queridas, non convertas este tema en tabú.
O desexo da maternidade e o desexo da non maternidade debería estar na axenda social do teu círculo próximo, para entender que tanto un coma outro deben abordarse con naturalidade.
Agora Elías agarda na sala de espera de maternidade tras 30 minutos interminables. Mariña está dentro soa co equipo médico porque o parto complicouse un chisco. 4 abortos naturais antes de que Álvaro veña ao mundo, levados, como non, en silencio absoluto. Demasiado para unha parella de 32 anos que leva 10 desexando que a maternidade se impoña.
Elías acaba de escoitar o berro dun bebé, será o de Álvaro?…Non hai nada que desexe máis