Menos versos

Pode que repararan vostedes estes días, ao abrir o Whatsapp, o Facebook ou o Instagram, que, no canto de recibilos a mensaxe que anunciaba que todo aquelo pertencía á empresa Facebook, aparece outra: From Meta. E, se para vostedes, como para min, a actualidade ás veces semella unha dimensión lonxana coa que non hai máis que algún contacto difuso moi de cando en vez, ao mellor non saben que pasou, ou pensan que alguén compraría todo aquelo. E non.

Estes días cruzáronseme varios artigos sobre internet, as redes sociais e o camiño polo que marchan, o escenario futuro probable. O máis completo viña no boletín de Tecnoloxía do xornalista Jordi Pérez Colomé, de El País, que cada semana da un repaso das últimas novas dun eido que, interésenos ou non, nos inflúe cada minuto do día.

E unha das cousas das que falaba era o flamante metaverso. O termo metaverso foi acuñado xa en 1992 polo escritor Neal Stephenson na súa novela Snow Crash, e vería ser un entorno virtual onde relacionarse cos demáis e facer como mínimo todas as cousas que se fan na rede actual, pero dun xeito inmersivo, disque. É dicir, a través dunha experiencia física que, grazas a aparellos coma traxes intelixentes ou gafas virtuais, chegaría a ser, sensorialmente, bastante semellante á real. Se viron a película Ready Player One, xa lles soa.

Pois o metaverso está agora mesmo na boca de todos, porque Mark Zuckerberg, o fundador e CEO de Facebook, o sinalou como o seguinte gran paso de internet. E, para que quedara clara a súa aposta, cambiou o nome da compañía tecnolóxica: agora a súa empresa chámase Meta Platforms. O futuro dixital xa está definido e ten nome, e comezou a carreira por facelo realidade.

Pero o artigo de Colomé daba uns datos abraiantes sobre esta evolución, da que a realidade virtual sería só o derradeiro -polo momento- paso. En concreto, sobre a porcentaxe de tempo pasado na realidade física fronte ao empregado na virtual. Partindo dos tempos da radio e pasando pola chegada da televisión, dos ordenadores, de internet, dos móbiles e das redes sociais ata chegar, en nada, ao metaverso.

As cifras ían dun 15% de virtualidade nos tempos da tele, ata aproximadamente un 50% actual, nas xeracións máis novas. É dicir: a vida física, na rúa, na casa, coa familia, no colexio, e con contacto físico cos demáis, supón só a metade da experiencia vital. A outra metade desenvólvese tras unha pantalla. E, naturalmente, os augurios son que coa chegada e expansión do “meta”, cando a fronteira desa pantalla desapareza, esa fracción baixe ata ser mínima, porque a vida toda, o que importe, o que conte, o que interese, estará nesa outra dimensión proporcionada pola tecnoloxía.

A min, pensar nunha realidade virtual nun 90% non me suxire novas posibilidades, aínda que esas posibilidades existan. Nin me parece unha oportunidade para coñecer e relacionarse, nin un terreo para a aprendizaxe e o intercambio. Será que a decepción coas redes sociais deixou as cousas tristemente claras. No que me fai pensar é, sobre todo, e paradoxalmente, en desconexión. Nunha desconexión dos problemas favorecida por uns mundos pechados deseñados á nosa medida. E tamén en vacuidade, en perda de tempo. E, claro, nun salto espectacular na capacidade de controlarnos: ideas, gustos, votos, compras, referencias, desexos, temores, etc.

Ás veces, constatar que vai pasar algo, algo que temíamos, déixanos desarmados, como se a realidade nos quitara a razón. Se ocorre algo, parece que os que o rexeitabamos quedamos desautorizados. Como se non entendésemos o mundo. E non é certo: que as cousas sucedan fainas reais, non boas.

Salir de la versión móvil