Un día calquera, a túa vida pode cambiar de súpeto. Así, por arte de maxia, encóntraste nun lugar polo que nunca transitaras e pensas, de maneira inconsciente, o efémeros que somos os seres humanos dentro dun universo tan complexo como este.
Ana María acaba de saír da morgue de recoñecer á súa filla. Un accidente de tráfico mortal, con drogas e alcol polo medio, dun condutor que viña de fronte nunha noite de festa. Un tremendo impacto de vehículos que deixa outro impacto irreparable no corazón dunha nai que ten que aprender a vivir doutra maneira.
Ramiro sufriu un infarto de miocardio da noite para o día, un aviso incomprensible a unha vida saudable de deportista de elite. Un tic tac que se parou por uns segundos e que o levaron á UCI do hospital, pero tamén que o puxo no foco de que ás veces perder, da a chave para gañar. A resistencia na súa recuperación está sendo o seu gran trofeo.
A Estela acaban de comunicarlle que hai un fígado que ten o seu nome. Leva agardando tres anos e medio por este órgano que precisa como auga no deserto. Non sabe o que sentir; se alivio, medo, incerteza ou alegría. Choiva de emocións que ten que aprender a canalizar.
Existe un lugar entre a vida e a morte, entre a perda e a esperanza, que está aí fóra para todas e para todos nós.
Como nunca se sabe cando chegará, non estaría de máis prepararnos para sucalo da mellor maneira. Unha mágoa que isto non se aprenda na escola, esa que tería que adestrarnos para a vida.
Non queda outra que facer camiño. Como diría Machado e cantaría Serrat: “Camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar.”
Discussion about this post