O Imposto de plusvalía ( IIVTNU) é un imposto local de carácter voluntario que recae sobre a transmisión de inmobles, polo que os concellos teñen potestade para implantalo na súa localidade ou renunciar á súa recadación.
Nestes últimos anos, e sobre todo por mor da gran recesión, está posto en cuestión, e hai xa fallos dos Tribunais contra a aplicación deste imposto na forma actual, sobre todo contra a determinación da súa base impoñible e a forma de calcular o incremento ou plusvalía en base ao número de anos e porcentaxes a aplicar.
No caso das transmisións por herdanza, os cidadáns non entenden ben que a maioría estean exentos, aquí en Galicia, do pago do Imposto de Sucesións e logo o concello aplíquelle a denominada “plusvalía do morto”, e acaben pagando nalgúns casos cantidades considerables por herdar un inmoble que ata hai uns días era dos seus pais ou avós, é dicir da familia.
Moitos concellos teñen cedida a súa xestión á Deputación, que exerce máis como xestoría privada cobrando a súa comisión polo traballo realizado que como asesoría pública, e que procede á liquidación do imposto sen a información e atención de proximidade ao cidadán.
Esta situación pode verse agravada por actuacións moi discutibles da Xerencia Catastral, -que está obrigada pola lei para facer as valoracións catastrais atendendo ao desenvolvemento urbanístico da zona en que se sitúa o inmoble-, e que cando se equivoca nas valoracións, pódelle causar serios prexuízos ao cidadán pouco informado e de resultas verse obrigado a realizar pagoscuasiconfiscatorios.
Non é moi normal que na aplicación deste imposto polos gobernos locais haxa tantas diferenzas tanto nas porcentaxes para aplicar na determinación da plusvalía xerada, como nos tipos impositivos aplicados.
Algúns concellos, os menos, son conscientes desta situación e reflíctena na ordenanza con bonificacións na cota do imposto (desde o 50% ao 95%), cando se trata de transmisións por causa de morte de inmobles aos herdeiros.
Vexamos, cun exemplo, esta situación contraditoria: Un señor falece e deixa en herdanza aos seus fillos unha casa adquirida hai trinta anos, cun valor catastral de 40.000 euros. Se o inmoble está enBoebre (Pontedeume) os seus herdeiros pagarían aoConcello polo Imposto de Plusvalía 5.200 euros. No caso hipotético que a casa estivese uns metros máis aló, en Perbes (Miño), só pagarían 150 euros polo devandito imposto.
Mentres non se modifica ou suprime este Imposto, poderían harmonizarse os tipos impositivos modificando á baixa a súa contía e contemplar unha bonificación do 75% ao 95% na cota para pagar nos casos de transmisións “ mortis causa”.
Un xuíz americano dixo que “os impostos son o prezo que pagamos por vivir nunha sociedade civilizada”, pero non chega con poñer a frase nunha placa. Se queremos que aumente a conciencia fiscal dos cidadáns, e evitar a aversión aos tributos, hai que dedicar máis tempo a explicar para que serven e por que son importantes para poder vivir en sociedade.
E no eido municipal, seria conveniente para os administrados, reforzar a área de facenda e ir rescatando a xestión dos tributos cedidos.
in memoriam do profesor Xoaquín Álvarez Corbacho
Discussion about this post