O outono que vén

Estabamos de vacacións e procurabamos non pensar moito no futuro, pero os vixías insomnes non deixaban de advertirnos día tras día: o outono vai ser duro, moi duro. E o inverno… ai, o inverno. Pero nós, ao noso: praia, viaxes, cervexa, festas, troula xeral. Coma se non houbese un mañá. Os vixían abaneaban a cabeza con aire reprobador, lamentando a escasa consciencia dunha cidadanía entregada con tanta fruición ao desfrute, e ocupaban os xornais que non liamos co anuncio repetido da apocalipse.

“A economía global teme ao outono”. “Os analistas advirten dun escenario adverso pola guerra de Putin e as subidas dos tipos”. “O xeneral Inverno espera a Europa”. “Un horizonte económico preocupante para o outono”. E así podiamos seguir até a fin do artigo porque foron moitos os titulares dedicados a amargarnos un verán xa en si mesmo excesivo. E non digo eu que non tiveran, ou non teñan, razón. Seguro que a teñen. Aínda que aos optimistas panglossianos, que non acabamos de aprender, nos supoña un esforzo sobrehumano dárllela así, sen máis, sen manifestarnos, sequera por un tempo, firmes na reticencia.

As cousas, é certo, non pintan ben: a subida dos prezos, das hipotecas, a seca, a incerteza sobre a deriva dunha guerra que, polo que parece, queren prolongar non sabemos até onde, nunha especie de xogo macabro e maquiavélico polo poder global, no que os equilibrios están deixando de importar e o mundo, como dixo alguén, queda a un erro de cálculo, a unha metedura de pata, dunha conflagración de consecuencias catastróficas. Non, as cousas non pintan ben, e agora que estamos no outono (o metereolóxico comezou o día 1, 22 días antes de que empece o astronómico) podémolo dicir sen lesionar máis do debido o ánimo.

Pero no verán, non. O verán, as vacacións (que a maioría segue collendo nos meses de xullo e agosto) son un paréntese, unha suspensión da dinámica agresiva da realidade, unha ficción, podemos dicir, e nas ficcións hai que meterse con todos os sentidos. Que sería de nós sen elas? Que sería de nós se só fosemos capaces de vivir pegados á pobreza asfixiante do real? Pouca cousa seriamos, e esa cousa pouco tería de humano.

Non ataco aos vixías. Cada un traballa no que pode. Só defendo a posibilidade de non saber, ou de saber só onde é a próxima romaría, ou en que bar dan mellores petiscos. ou dende que banco se pode disfrutar das mellores vistas, da máis fermosa posta de sol. Ese é o saber que interesa no verán. Non o que nos ofrecen, coa mellor das intencións, os vixías insomnes. En fin, xa veremos o que vai pasando. Se cadra somos os optimistas os que non estamos equivocados. Quen sabe! O que si parece claro, segundo a Aemet, é que o outono vai ser quente, máis quente do habitual. Os outonos, en xeral, sempre se anuncian quentes. É un tópico do xornalismo, Pero este semella que máis. A Aemet veo moi claro.

Salir de la versión móvil