As últimas enquisas do Instituto Sondaxe seguen debuxando un panorama arriscado para o PP de Feijóo. Os datos insisten en que o Partido Popular terá que dar a batalla até o último minuto para manter a maioría absoluta da que goza actualmente e que, cunha mobilización elevada do electorado das esquerdas, os de Feijóo poderían perder o goberno autonómico.
Das actuais 41 actas que ten o PP, a sondaxe deste primeiro de marzo dálle 39, tan só un escano por riba do límite que fixa a maioría absoluta, que está en 38. Isto significa que perdería un escano na provincia de A Coruña -onde pasaría de 13 a 12- e outro en Pontevedra -tería 10 en vez dos 11 actuais-, o que suporía un descenso en canto ao porcentaxe de votos de case 4 puntos, dun 47,6% a un 43,7%. Mantería os de Ourense e Lugo, pero cunha drástica caída de máis de 6 puntos tamén nesta última circunscrición. Os derradeiros escanos nas catro provincias estanse previsiblemente a disputar por moi poucos votos.
Por outra banda, a enquisa de Sondaxe debuxa unha dinámica á alza do BNG, que podería estar en condicións de disputar o segundo posto ao PSdG. Segundo reflicten os datos do instituto de enquisas, os nacionalistas pasarían de 6 a 13 escanos e conseguirían o 16,7% dos votos, quedando a tan só dúas actas dos socialistas, que gañarían unha e quedarían con 15 deputados e o 18,7% dos sufraxios. O BNG dobraría deste xeito o seu número de representantes en tódalas provincias pasando de 2 a 5 en A Coruña e de 2 a 4 en Pontevedra.

O novo proxecto de Galicia en Común -coalición de Podemos, Esquerda Unida e outras forzas de esquerda como Anova e as mareas- obtería 8 escanos e un 12,6% dos votos. Isto significaría que a suma de intención de voto das outras tres forzas que entrarían no Parlamento, e que aspiran a sumar tras as eleccións, chegaría ao 48 por cento. Podería suceder así, como ocorreu en 2005, que cunha porcentaxe de voto inferior ao sumado por outras forzas -PSdeG e BNG naquela ocasión- o PP perdese a maioría, mesmo cun sistema electoral que lles é favorable aos conservadores.
As candidaturas de Ciudadanos e Vox non chegarían ao 5% esixido para obter representación no parlamento galego, pero poderían restarlle votos aos populares, engadindo unha complicación máis á un escenario cada vez máis aberto.