O público

Nos últimos días observo con estupor como a xente que se manifesta a favor dunha sanidade pública de calidade en diferentes puntos de España é considerada como revolucionaria ou antisistema. Sen embargo, na miña opinión, todas e todos os que loitan polo avance do público son os máis conscientes do que verdadeiramente importa. Facendo un percorrido en primeira persoa, eu non sería o ser humano que son nin estaría no lugar que estou se non fose grazas aos servizos e recursos públicos.

Vindo dunha familia humilde, estudar no ensino público non só foi un dereito, senón que deixou en min unha pegada inesquecible. Recibín, por exemplo, bolsas do Estado para ir á Universidade cando doutra maneira sería imposible. Ao tempo, cando precisei realizar algunha intervención cirúrxica ou algún tratamento custoso, a sanidade pública non me deu as costas. E cando foi preciso tirar dos servizos sociais comunitarios, alí estaban eles para darme a man.

Así que supoño que a todos os efectos eu son neta e filla do público, e polo tanto, unha revolucionaria máis. Porque a verdadeira revolución será que todas e todos podamos vivir en igualdade, sostidos polos servizos públicos, que son do pobo e para o pobo. Con este desexo pecho unha etapa de colaboracións con este xornal, agardando que nalgún momento algunha das miñas reflexións, opinións ou inquedanzas reconfortara dalgún xeito ás nosas queridas lectoras e lectores.

Ata sempre.

Salir de la versión móvil