Hoxe, 31 de outubro, vén de ser declarado ‘Día de Recordo e Homenaxe ás Vítimas do Golpe militar, da Guerra e do Franquismo’ trala aprobación da nova Lei de Memoria Democrática
Estase a promover polo Ateneo Fernán Martís de Pontedeume, un monumento ás vítimas do franquismo , simbolizado na muralla de pedra que terma da parte baixa da rúa de Porto, no que traballaron persoas represaliadas en réxime de traballo escravo nos anos da guerra civil. Cando o dezaoito de xullo de 1936 chegan as primeiras noticias do golpe de estado do Exército de África, crease en Pontedeume, a instancias do Goberno Civil da Coruña, o Comité de Defensa da República, constituído polo alcalde e representantes dos partidos e outras organizacións. Este comité organiza patrullas que vixían e protexen, as entradas da vila, o Concello, as oficinas de Correos e Telégrafos, a Igrexa parroquial , o cuartel da Garda Civil, e a estación do ferrocarril.
A cidade da Coruña cae en mans dos militares rebeldes o luns 20 e os días 21 e 22 controlan Ferrol e a súa comarca. Ás oito da mañá do xoves 23 de xullo sae de Ferrol unha columna do Rexemento de Artillaría de Costa nº 2 , mandada polo comandante Pedro Iglesias Sierra, e composta por un capitán, cinco tenentes, oitenta soldados (suboficiais, cabos e artilleiros), armados con mosquetón, un camión blindado con tres metralladoras , acompañados por quince gardas civís e algúns falanxistas.
Chegan a Pontedeume sobre ás once da mañá, onde apenas haberá resistencia ante a superioridade manifesta das forzas sublevadas , agás un pequeno tiroteo na barricada situada na ponte sobre o Eume, levantada polo Comité de Defensa da República. Algúns dos defensores da liberdade e da legalidade republicana, tentan escapar ou agacharse polo monte Breamo, producíndose varias detencións.
Nos días e semanas seguintes desatase unha forte e indiscriminada represión, con detencións e cárcere, “paseos” ou fusilamentos sen xuízo previo ou logo de procesos sumarísimos coa acusación máis frecuente de “rebelión militar , de dirixentes, afiliados ou mesmo simpatizantes dos partidos, sindicatos e sociedades agrarias , que apoiaban ao Fronte Popular e eran leais á República. Foron asasinadas preto de trinta veciños de Pontedeume .
Algúns conseguirán permanecer agachados varios anos, como “toupas”, agardando que pase a onda máis represiva, ata que acaban entregándose e sufrindo prisión ou desterro, e outros manteranse fuxidos no monte, incorporándose á resistencia ou irán ao exilio.
Varias mulleres serán castigadas co corte de pelo ao rape para escarnio público, as “rapadas” ou “peladas”. Moitos mestres e funcionarios públicos, son depurados ou castigados sen emprego e soldo.
Outras persoas foron castigadas a traballos forzados, na praza do Conde retirando os cascallos e restos do Pazo e na construción do muro da rúa de Porto. Non sabemos o tempo que durou este traballo escravo e humillante, pero si que algúns dos castigados tiveron que solicitarlle ao alcalde que lles rebaixase a xornada de castigo, para poder atender aos seus oficios e poder dar de comer as súas familias.
Pasaron xa moitos anos e pode ser que chegue tarde, máis compre devolverlles aos que todo perderon, aos milleiros de familias que ficaron marcadas co medo, a dor e o silencio, a xustiza da lembranza e o recoñecemento, co desexo de que endexamais se volva a repetir tanta barbaridade e tanto mal.
Neste contexto temos que enmarcar esta sinxela homenaxe que promove o Ateneo eumés , cun proxecto de Monumento ás vítimas do franquismo en Pontedeume que foi presentado o venres catorce de outubro, na Casa da Cultura de Pontedeume, e que conta coa colaboración e patrocinio do Concello para facelo realidade.