Outro verán raro

Summer+Storm+©+Jay+Fleming_auto_x2

Como sobre as subidas da luz e a traxedia de Afganistán xa debe de estar case todo dito, e a servidor non se lle ocorre nada novidoso que aportar, aí van unhas palabriñas sobre o tempo. Recurso, como todos sabemos, moi civilizado.

Estamos a piques de rematar un verán raro, e non só polos condicionantes derivados da interminable pandemia, senón tamén polo comportamento climático que tivo, claramente mellorable para a maioría, aínda que aos visitantes madrileños e sureños lles parecesen esas noites frescas e eses días oscilantes entre as nubes e os claros algo moi semellante á gloria bendita.

Iso de poder durmir tapados, dicían, é algo que non se paga de calquera xeito. Para eles, si, para eles que chegaron, ademais, en multitude, o tempo foi seguramente o que agardaban. Pero para os de aquí -haberá de todo, claro, eu só falo por min-, para os que estamos desexando durmir espidos e desfrutar das terrazas en camisa e cunhas gotiñas de suor coruscando na fronte -permítanme un punto de esaxeración-, o verán só foi unha promesa intermitente, un querer chegar e quedar a medias, un asomar tímido e o rápido retorno ao agocho dos nubeiros.

Cousas do anticiclón das Azores, que non estivo onde debía, e de non lembro agora que outras alteracións ou combinacións atmosféricas. Para maior precisión, por aí andan os especialistas. Un só se limita a constatar certo descontento con este desorde.

Que as estacións no atendan as razóns do calendario e anden ao chou, mesturándose entre elas cunha promiscuidade impropia dos ciclos naturais consolidados é algo que, por dicilo así, non me parece serio. Pero a verdade é que nada, ou case nada, como titula Víctor Manuel o último disco, está no seu sitio. Hoxe, por exemplo, día 5 de setembro, andan os termómetros polos trinta e tantos graos e o vento está calmo.

Pódese dicir, sen temor ao erro, que é un día de verán de verdade, un día dos veráns que se respectaban a si mesmos, que non enganaban. O problema é que chega tarde e ameazando un rebentón tormentoso. Non é un día limpo, a luz non marca os contornos do mundo coa finura de xuño ou xullo e todo semella estar a pouco de diluírse.

Estes días tan calorosos de setembro son coma eses invitados que só son simpáticos cando están a piques de marchar. Coa chaqueta na man e de pé, empezando a despedirse, é cando dan o mellor de si mesmos, cando soltan o chiste gracioso, o xogo verbal máis brillante.

De boa gaña, postas así as cousas, prolongariamos a reunión, pero non pode ser, xa se nos fixo tarde a todos. Onde demo tería a cabeza ata este intre, preguntámonos, pero non hai resposta, e se hai fica para sempre nesa zona insondable dos misterios.

En calquera caso, agradecemos o colofón imprevisto, de igual xeito que agradecemos un día coma este, algo cargado de costas, si, e electrizado, pero que nos permite desfrutar da terraciña en camisa, coma se viviramos noutras latitudes.

 

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.