Paseos sen sentido

Saír e ir vendo, mirando o que pasa ao noso arredor. Non pensar, ou, se iso é imposible, non fixar o pensamento, porque, como dicía Aute nunha desas pezas mestras que nos deixou, o pensamento no poder tomar asento. Ir indo e deixar que o mundo, sen peso, vaia entrando en nós sen ofrecerlle resistencia. Deixarse ir, deixarse facer.

Que a vida nos invada sen sintaxes impostas, que nos asolague coa naturalidade do caos, coa forza da materia informe e desbordada. Saír para esquecerse, para perderse no fluír inesgotábel dunha realidade sempre excesiva. Facerse transparente. Baleirarse. Ser só un corpo practicando a mecánica aprendida do desprazamento, cos cinco sentidos receptivos pero sen sentido, sen vontade de orde, sen ganas de conxugar tempos e debuxar espazos.

Nunha recente entrevista, o filósofo alemán Peter Sloterdijk falaba da beleza dos momentos baleiros, deses momentos provocados polo confinamento pandémico nos que un, canso xa de tanta serie de Netflix, se encontraba só ante si mesmo, sen mediadores que lle botaran unha man, ou lle deran unha explicación, ou lle facilitasen un plan de entretemento. Un só, sen nada, preguntándose quen é, de quen demo ven sendo ese ser que o acompaña dende sempre e ó que, en tantas ocasións, non acaba de recoñecer. Beleza ou puro terror?

O filósofo cre ver nesa perda de contido, nesa desposesión, nesa caída xeral das redes unha oportunidade para o reencontro, unha ocasión propicia para o regreso ás fonduras da nosa condición, o momento idóneo para, rachadas xa as vestiduras, ficar espidos fronte ás miradas da inocencia primixenia, fronte as miradas limpas dos que eramos cando soñar era a obriga que nos constituía.

E si, iso pode ser fermoso, pero tamén, se cadra ata ao mesmo tempo, unha fonte de dor insoportable. Para moitos é preferible seguir véndose ao lonxe, ou disfrazado, envolto nunha morea de verbas mentirosas e rechamantes. Para moitos é preferible estar posuídos, ocupados, distraídos. Alleos á beleza impertinente da verdade. Incapaces, sobre todo, de soportala.

Dende que nos invadiu a peste foron moitas as voces que se atreveron a prognosticar como íamos ser no futuro, como nos iamos comportar cando o pesadelo rematara e volveramos a algún xeito de normalidade. Máis solidarios, máis atentos ás pequenas cousas que conforman a vida, máis respectuosos coa natureza, máis coidadosos. Iso, ou cousas semellantes, dicían, atacadas por un optimismo naif seguramente necesario.

Mentres, morrían os maiores sós nas residencias, pero o día de mañá, quen podía dubidalo, iamos encontrar todos a beleza dos momentos baleiros, a beleza de estar, sen présas, moi dacordo con nós mesmos e cun mundo feito a nosa medida. Iso dicían, e aínda estamos a tempo de cumprilo, pero non parece que vaian por aí as cousas. Mellor será perderse nas series encadeadas de Neftlix e non se mirar moito nos espellos.

Mais un prefire saír a pasear sen plan, sen pensar. Sen fixar o pensamento. Saír e deixarse invadir. En calquera intre poderá atoparase consigo mesmo, e aí, si, aí será posible a beleza. A beleza do baleiro.

Salir de la versión móvil