Que pasou ultimamente, para que os meus fillos esperen polo almorzo, un sábado pola mañá, xogando ao xadrez? Por que, se temos uns minutos antes de saír pola tarde, me propoñen botar unha partida?
Aínda non viron vostedes Gambito de dama, a última serie de moda en Netflix? Pois xa están tardando, porque está moi ben. E resulta que vai dunha xogadora -extraordinaria, claro- de xadrez. Pero unha moza non só brillante entre alfís e cabalos, senón guapa e con estilo; unha moza glamurosa que conquistou ao rapaces.
Os mesmos rapaces que no colexio xa tiveran clases de xadrez, e que nunca caso lle fixeran, e agora trocaron os directos de Fortnite por tutoriais en youtube da apertura siciliana.
Eu de cativo xoguei algo, aínda que nunca fun bo. E lembro unha exhibición que fora ver, no que o aspecto de case todos os participantes seguía punto por punto o estereotipo de friki introvertido con xersei de debuxos xeométricos e gafas de cu de botella. Nada que ver, todo iso, con Elizabeth Harmon. Beth Harmon está a anos-luz do tópico. Ela é atractiva, e de repente fixo o xadrez atractivo. Os nenos, que non terían nin mirado para aqueles xogadores, agora ata imítana nos xestos e na maneira de cruzar os dedos logo de mover. E queren xogar.
Ben, pois agora pensen no galego. Si, na lingua galega.
Opine o que un opine da lei Celaá, de linguas vehiculares ou de cooficialidades, hai un dato obxectivo: o galego perde falantes; sinaladamente entre a xente máis nova, pero en xeral en todas as franxas de idade, sen presa pero sen pausa. O seu futuro non é prometedor. E, se vostede pensa que non é así, que vai vento en popa, ou vive nunha burbulla alternativa no casco vello de Compostela, ou está obsesionado có inimigo e sofre manía persecutoria. Non teñen máis que entrar na páxina do Instituto Galego de Estatística: as cifras non son dramáticas, pero o galego vai perdendo. E, isto, a un pode darlle igual ou mesmo alegralo, pero non é discutible. A min, persoalmente, paréceme triste, por unha chea de razóns culturais e sentimentais. Pero non me sorprende. Porque o galego… non mola.
Mólalles a algúns, claro. Pero xa se ve que non son suficientes. E para o resto, para unha chea de xente, ser galego falante só poder ter tres explicacións: ou es da aldea, ou nacionalista ou vello. Ou ves Luar ou votas ao Bloque. E iso deixa pouco nicho de mercado.
Estou completamente convencido de que unha lingua só ten futuro se a xente quere falala. Non digo se debe ou lle convén; digo se quere, se lle sae, se se sinte ben e se gusta falándoa. As outras medidas normalizadoras, como o uso na Administración ou en canta declaración institucional ou pasquín hai, só serven para que non desapareza. Literalmente: que non desapareza. Pero sobrevivir non é o mesmo que vivir. E o galego non vai vivir grazas ao DOG. De feito, pregúntome cantas desas medidas non serán contraproducentes, por converter o idioma non só nunha cousa forzada senón antipática.
O que hai que facer para salvar o galego é conseguir que mole. Que guste, que a xente nova queira falalo, que lles apeteza. E iso, queiramos ou non e por moi frívolo que soe, ten que ver coa imaxe. É a imaxe do catalán na sociedade catalá a que o fai atractivo, á marxe das políticas educativas, e é a imaxe do galego, por inxusto que resulte, a que bota para atrás a moitos potenciais falantes. Que teñen base abondo para usalo, pero fáltalles o desexo. O mesmo que lles pasaba aos cativos co xadrez: sabían xogar, e tiñan o exemplo na casa, pero parecíalles un tostón. Ata que un bo marketing fíxoo cool.
E o galego ten que ser cool tamén. A base de dar a imaxe axeitada. E non só aos que xa o ven así, senón a todo o mundo. Porque a meirande parte dos intentos de agora caen no mesmo erro que os discursos de case calquera causa: diríxense aos xa convencidos. O cal é unha completa perda de tempo. Sen perder a súa tradición nin a súa identidade, hai que ligar a lingua galega coa modernidade, co arte e a cultura de todo tipo, con -dentro do que cabe- calquera perfil ideolóxico, coa ciencia, o estudo e o pensamento, co éxito empresarial, coa apertura ao mundo e co glamour.
Non sei se con esta proposta estou caendo na herexía ou traizoando algún sacrosanto principio. Se é así, esquézano todo e continúen igual. Malo será que o DOG non se siga publicando moitos anos, e de cando en vez non teñamos que ler un impreso municipal no idioma aquel que dis que tiña sete vogais, e eu só lle vexo cinco.