Cando discutimos de algo, sexa o que sexa, deberíamos comezar aclarando o concepto, como Manquiña en Air bag. Teríamos, antes de entrar en detalles, que deixar claro de que estamos a falar exactamente; e, de paso, deixar claro tamén por que e para que é importante para nós.
O normal é que unha cultura común nos dea un marco de referencia tamén común, unhas chaves compartidas, que nos aforran esa continua recapitulación. Pero con demasiada frecuencia damos por sentado que compartimos as principais ideas de base, e non é así. Cremos que todo o mundo pensa no mesmo cando fala de beleza, alegría, familia, fogar ou amor, e non é certo de todo. E cremos que todo o mundo pensa no mesmo cando fala de progreso, riqueza, éxito, xustiza, igualdade ou, por exemplo, democracia, e non é certo en absoluto.
Un dos conceptos no que fai falta deterse de cando en vez é o de educación. Educación formal, académica. Sobre todo porque non paramos de falar do ensino, de auscultalo, de auditalo dende arriba e dende abaixo, criticando os seus fallos, lamentando as súas carencias, propoñendo cambios, acatando reformas continuas e chorando por un consenso; e, no fondo, eu non estou nada convencido de que esteamos todos a falar do mesmo. Non estou nada convencido de que teñamos a mesma idea da educación nin esperemos dela os mesmos resultados, que todos lle pidamos que nos leve ao mesmo sitio.
Hai unha morea de intelectuais e profesores que levan décadas alertando sobre a perigosa deriva do noso ensino, sobre o paulatino pero innegable troco de obxectivos. Concretamente, e resumindo moito, quéixanse de que dende os seus primeiros anos, e cunha marcada progresión ascendente, a formación académica foi converténdose nunha simple preparación para o mercado laboral. Sen máis: un estuda para sacar boas notas, saca boas notas para poder entrar nunha boa carreira, e fai unha boa carreira para atopar un bo traballo; e non creo ser moi demagogo se afirmo que bo traballo é sinónimo, para a inmensa maioría, de bo soldo. É dicir, un estuda para vivir ben, materialmente ben. E punto.
E esa e non outra é a razón pola que levo tempo escoitando a pais queixarse de que non teñen argumentos para facer que os seus fillos estuden, porque a verdade é que… non poden garantirlles unha boa posición no futuro. E eses pais, e aínda máis os seus fillos, poñen cara de asombro se un lles fala da importancia da cultura, do pracer de saber, dos beneficios de entender o mundo e comprender outros puntos de vista; ou se trata de convencelos de que a educación nos proporciona ferramentas para enfrontarmos ao día a día, que nos fai menos vulnerables e non tan manipulables, que é a base necesaria para termos opinión propia e o máis útil para diferenciar a verdade da mentira. E, se es tan ousado como para dicir que é imprescindible para formar cidadáns dunha democracia, que entre outras cousas coñezan os seus dereitos e responsabilidades, entón dálles a risa e chámante inxenuo.
Porque só contan os resultados tanxibles, só importan os beneficios directos, e na vida non hai máis razóns que as económicas. E a educación é un mal inevitable, o prezo que hai que pagar.
Despóis, noutra conversa diferente, no traballo, cos amigos ou na cea coa familia, poida que eses mesmos comenten asombrados o da xente que non quere vacinas, ou as declaracións de Miguel Bosé sobre a COVID, ou, mira ti, todos os que votaron a Trump e agora lle cren todas as súas trapalladas, e xa ves a vergoña do Capitolio. Que, así todo, parece mentira como se pode chegar a iso.