Protocolos sen despedida

Son as 11 da noite e María aínda non se puxo o pixama. Loce pantalón vaqueiro e camisa branca, zapatos especiais de descanso e pelo perfectamente peiteado. Ten a vista tan cansa tras 15 horas en alerta, agardando, que precisa con urxencia poñer os anteollos que están no seu cuarto. De camiño á habitación recibe a temida chamada.

[María, morreu MAMÁ].

Así, sen anestesia, en frío, coma un puñal que atravesa o abdome, que desgarra, que doe, que fai tremer e que a deixa sen esperanza. A morte entrando pola porta.

[Saio para o hospital Pepe. Quero despedirme.]

[Non podes María. A min acaban de dicirme que nunhas horas a levan ao crematorio e que me vaia para a casa. Non se pode facer máis. É o protocolo.]

Fin da conversa.

PROTOCOLO. Esta palabra retumba na cabeza de María unha e outra vez. Que significa protocolo? Na teoría un protocolo é unha serie de actos que cómpre seguir nun tratamento, experimento, estudo ou procedemento. Acción sen emoción.

Pero na práctica ese protocolo significa que María non pode ver a súa nai, que non pode despedirse, que non pode enviarlle flores, que non pode enterrala, que non lle pode ofrecer un último adeus nin compartir a súa dor con ningún familiar, con ningunha amizade.

Pero sobre todo significa que María non pode iniciar o proceso de dó que é tan necesario cando se perde a unha persoa querida. Iso que se coñece como ACEPTACIÓN, e que fai que as persoas encontren o seu equilibrio emocional, asuman a ausencia e comecen a darlle de novo sentido ao seu día a día.

María levaba coidando á súa nai 7 anos, e a irrupción do COVID-19 fixo que un problema crónico se convertera nunha arma letal. Agora que María xa non ten a ninguén a quen coidar, quen a axudará a ela a encher este baleiro? QUEN COIDA A QUEN COIDA?

En palabras do cantautor Jorge Drexler
“…Coida dos meus soños

Coida da miña vida

Coida a quen te quere

Coida a quen te coida…”

Cando todo isto acabe, haberá que buscar un tempo e un espazo para os COIDADOS. Os físicos, os psicolóxicos, os emocionais, os sociais e os espirituais. Todos son importantes, pero todos pasan inadvertidos.

O mundo ía demasiado rápido, e agora que permanece estancado, ao mellor é o momento de pensar en protocolos, pero non neses que se elaboran para illar, senón os que se formulan para coidar.

Este será, sen dúbida, un dos grandes retos da nosa sociedade no século XXI. Ese sería o verdadeiro Estado do Benestar.

Salir de la versión móvil