Reflexións dun viaxante

636037141990688898-1508755838_leaving-your-fears-insecurities-behind

Entro e pido unha cervexa. Ofrécenme a propia do país e acepto. Ao meu carón, dous homes comentan discutindo as incidencias dun partido de fútbol xogado o día antes. As verbas saen veloces, confusas e ferintes. Un tipo traxeado le o xornal nunha das mesas situadas ao rente das ventás. Na outra, dúas mulleres novas intercambian comentarios sobre as vicisitudes escolares dos fillos que están a piques de recoller.

O televisor está aceso pero só eu lle dirixo unha ollada: alí, sentadas en semicírculo, varias persoas exhiben profusos coñecementos sobre o tema que leva días ocupando o interese informativo de boa parte do mundo; avalían a gravidade, prognostican a evolución e, de paso, reclaman medidas rigorosas e drásticas. Compoñen un cadro tenso, preocupado, un sanedrín preapocalíptico reunido con urxencia para levantar acta da fatalidade. Deixo de miralas, procuro non escoitalas.

“A utilidade como obxectivo, a verdade como tema, o interese como medio”. O escritor italiano Alessandro Manzoni resumía así (1830) a súa concepción da literatura e as obrigas ético-estéticas de quen se dedica a ela. Van alá case 200 anos dende entón, e a vida e os xeitos de contala deron voltas e reviravoltas sen parar, pero a frase debería seguir sendo aplicada con carácter imperativo, e figurar como máxima inquebrantable, por todos os que dun xeito ou doutro andan a dar testemuña pública da realidade.

Debería, si, pero ben sabemos que non van por aí as cousas, que a verdade, misteriosamente desvinculada dos feitos, acaba convertida en expresión privativa de subxectividades condicionadas. “No tu verdad, la verdad, y ven conmigo a buscarla”, escribiu Antonio Machado, pero son poucos os que se animan a acompañalo nesa viaxe de roce, cando o fácil, o cómodo, é parapetarse nos posesivos fachendosos e sementar doutrina co índice disparado.

Das consecuencias de tales anomalías narrativas, dos perigos da fenda que se abre entre o suceso  e a súa maliciosa interpretación non sei se chegamos a ser, malia aos múltiples e tráxicos antecedentes, plenamente conscientes. A avidez bulímica por un presente absolutista, arrincado da continuidade, descontextualizado, potencia a desmemoria e inutiliza o principio mobilizador da esperanza.

O presente, así illado, é moi pouca cousa, un lugar xeralmente inhóspito no que non é doado respirar, un lugar de fácil e rápida combustión, pero iso non importa. O que importa é distraerse, e distraémonos rebotando entre os catro lados do marco. Ás veces tamén nos divertimos. E outras asustámonos. Só vemos o que encerra o marco, non máis alá, e o marco está programado, hai unha escaleta que desenvolver. Agora, por exemplo, toca medo, historias para non durmir, e a iso andan dedicados os que nos seguen interpelando dende as alturas plasmáticas.

Unha tapa?, pregunta o camareiro.

Ao meu carón, moi lonxe das mascariñas que invaden a pantalla, alleos ás correntes que afunden as bolsas, á suspensión de congresos, á barbarie que se albisca pegadiña ao medo, os futboleiros, pechados ou protexidos nun espazo de concordancias ou discordancias puerís, seguen ao seu.

Sí, respondo, de orella.

 

Relacionadas