Reflexións dun viaxante | O corpo da verdade

ETFwGzMWsAAgV7z

Todos coñecemos ditos sobre a mentira: que se ten as patas curtas, que se se colle antes a un mentiroso ca un coxo…, ditos que semellan emitidos por un moralismo naíf desexoso de manter incólume unha idea de verdade reducida e simplificada. A verdade como oración incuestionable e a mentira como desvío detectable. Iso ocorría en tempos nos que unha e outra ocupaban espazos diferenciados e ninguén tiña valor para nomear a falsidade como feito alternativo.

Agora todo é máis complexo, máis borroso. A realidade, multiforme e interpretable, non encaixa ben na lóxica binaria e as lindes, sometidas ao influxo cambiante das ventoeiras, acaban, en moitas ocasións, difuminadas. E así imos camiñando sen saber moi ben onde poñemos os pés. Crendo ou descrendo co ánimo obsesivo dos posuídos, sen mirar, sen ver.

-A vacina xa a teñen os chinos, di o home de mediana idade que acaba de pedir un vermú, pero de momento non o queren comunicar.

-Hai quen di que todo isto é cousa de Trump para vingarse polo 5G, engade o acompañante, que prefire cervexa.

É certo que todo vén de lonxe, que a chamada postmodernidade, enfrontada aos grandes relatos e aos imperativos categóricos, deixou a verdade sen andamiaxes, tan afastada da orixe revelada coma da conclusión derivada da experimentación e da proba. Dende entón é un ente errante e pactista, de carácter adaptativo, transixente, que non se alporiza fronte aos construtos armados que a firen e a zarandean. Sabe que é parte dun barulleiro xogo da linguaxe, e que o gañador dese xogo non depende do aval fáctico que poida sostelo senón das habelencias sofísticas da argumentación. Sabe que perdeu o corpo, como o estamos perdendo todos, progresivamente reducidos a fantasmas virtuais interconectados.

-E que me dis da ambulancia na porta da casa do vicepresidente?, alí estivo día e noite por se facía falla, e logo dicían que no había medios.

-E do autobús cheo de xubilados infectados que chegou ao hospital de Lugo procedente de Lloret de Mar?

-E de que a OMS teña prohibidas as autopsias?

-E dos catorce médicos que coidan de Pedro Sánchez na Moncloa?

-Que me dis?, que me dis?

A verdade quedou sen corpo e a mentira non o necesita. Para que o ía necesitar? O corpo como corpo de proba é un atranco, un inconvinte, unha carga, un peso. Está sometido á gravidade e non admite a lixeireza. A mentira, si, a mentira vive na levedade das palabras, ás que coloniza e reprograma de igual xeito que o virus reprograma as células que invade. Así, oímos berrar liberdade nalgunhas rúas e non entendemos, non sabemos que liberdade é a que reclaman. As palabras, carcomidas pola mentira, sometidas  a un proceso de baleiramento acelerado, inmersas nunha deriva lesiva de esquecemento etimolóxico, ocupan o espazo público con vestimentas tan pouco acaídas que resultan irrecoñecibles.

-Isto é unha ditadura, sentencia o home de mediana idade mentres ergue a man para pedir un segundo vermú.

-Ou peor, engade o outro.

A verdade, e non só dende o refraneiro, deberá ir trazando algunha liña de defensa.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.