A reforma laboral froito do dialogo social e o pacto entre os sindicatos máis representativos (CC.OO e UXT) e as Organizacións empresarias máis representativas (CEOE e CEPYME), aprobada polo Congreso dos Deputados, vai mellorar as condicións laborais e salariais dos traballadores. Os cambios introducidos penalizan e dificultan os contratos de curta duración, incentivan a contratación indefinida e o emprego estable, coa finalidade de rematar coas altas taxas de temporalidade. Crea instrumentos para a flexibilidade interna para os tempos de crise facendo do despido a derradeira opción. Dálle pulo á formación con dous novos contratos, o de formación en alternancia, que combina traballo e formación, e o contrato para adquirir práctica profesional , mellorando a formación dual. E corrixe os desequilibrios na negociación colectiva.
Outra boa nova é a aprobación, polo acordo entre os Sindicatos e o Goberno da suba do salario mínimo interprofesional (SMI), para chegar á simbólica cifra de 1000 euros en catorce pagas, con efectos retroactivos dende o un de xaneiro. Esta medida vai mellorar as condicións de vida dos peor pagados, 1,8 millóns de traballadores, sobre todo mozos e mulleres, e reduce a brecha salarial.
Mentres os salarios dos altos executivos non deixan de medrar, hai quen dedica tempo e presión a combater a xusta subida do salario mínimo. Compre recordar que está última subida desde os 965 euros supón un 3,6% de incremento, cifra lixeiramente superior a inflación media no ano pasado do 3,1%, pero claramente inferior ao incremento interanual do IPC en decembro do 6,5%.
A suba do SMI que se produce sobre todo de xeito rotundo nestes últimos tres anos, e contra do que manteñen, sen demostralo, algúns manuais de economía ou representantes interesados da dereita económica e empresarios, non leva aparellado a redución do emprego global, que está determinado e condicionado pola demanda de bens e servizos . Tomando como data de referencia o ano 2016 , o salario mínimo estaba en 655,20 euros e había en España algo máis de 18 millóns de ocupados, e pasados cinco anos, a finais de 2021, cun salario mínimo de 965 euros, os ocupados en España pasan dos 20 millóns.
David Card, un dos tres economistas premiados no 2021 co denominado Nobel de Economía, demostrou cos seus estudos empíricos, xa nos anos noventa, que o impacto negativo sobre o emprego dunha suba do salario mínimo, de habelo, é moito menor do que se adoitaba a crer. E hai uns dias reiteraba nunhas declaracións, cas subidas do salario mínimo seguen sen ter un gran efecto sobre o emprego, sen desbotar que poida repercutir puntualmente nalgúns sectores como a agricultura ou nalgúns servizos.
Estas melloras no mercado laboral veñen a referendar o que afirman diversos estudos socioeconómicos, ao salientar que unha maior afiliación e poder sindical, acompañados de gobernos socialmente sensibles co mundo do traballo, posibilitan salarios máis elevados, e unha mellora no emprego, na produción e na actividade económica xeral. En definitiva, unha mellora nas condicións de vida dos traballadores que perciben as rendas máis baixas.
O reparto dos ingresos das empresas entre salarios e beneficios, é o resultado da diferente capacidade de negociación que teñan en cada momento os representantes dos traballadores e os representantes dos propietarios do capital.
Un apuntamento final: Este dez de marzo —Día da Clase Obreira Galega— conmemorase o 50 aniversario dos graves sucesos ocorridos en Ferrol , cando unha manifestación dos traballadores de Bazán en defensa de melloras laborais e salariais no convenio colectivo, e do recoñecemento dos seus dereitos sindicais, saldouse con dous traballadores mortos e máis de cincuenta feridos, ao ser reprimida brutalmente a mobilización obreira pola policía do franquismo, seguida logo de moitas detencións e procesos. Aínda tiveron que agardar os traballadores seis anos para que a Constitución de 1978 recollera dereitos como a liberdade de sindicación, o dereito á negociación colectiva, ou os dereitos de reunión e manifestación.
Discussion about this post