Regresa a inflación

Os empresarios con poder no mercado, tratarán por todos os medios de repercutir as subidas dos seus custos nos prezos de venda para manter os seus beneficios, tratando de esquivar a crise e que non lles salpique ás súas contas de resultados

Men trying to reach the shopping cart that rises up on the arrow. (Used clipping mask)

O IPC adiantado de maio do 8,7%, e o que é máis rechamante o subxacente do 4,9% (sen produtos enerxéticos nin alimentos non elaborados), debúxannos un escenario en que a inflación parece que volve para quedar un tempo entre nós, cando levabamos anos con subidas moi escasas dos prezos ou mesmo con IPC negativo.

As medidas do goberno sobre os combustibles e a electricidade fanse esperar e non se notarán ata xullo.

Aínda que o efecto da subida dos prezos debido ao tirón da demanda é débil, si se fai notar nalgúns sectores, como a Hostalería, ao volver á normalidade despois da pandemia, pero a incerteza política debida á guerra de Ucraína, os confinamentos en China e os problemas para restablecer a produción e comercio mundial despois da pandemia, con graves problemas nas subministracións de compoñentes e outras mercadorías, fai que os prezos aumenten polo lado da oferta.

O BCE tería que elevar os tipos de interese do diñeiro para frear a depreciación do euro con respecto sobre todo ao dólar, o que axudaría a mitigar a subida dos prezos das importacións. Pero a política fiscal de expansión do gasto público, necesaria para saír da crise, non axuda tampouco a frear os prezos.

Mentres tanto a inflación, á que non estabamos xa afeitos, segue funcionando como un imposto engadido ás clases menos favorecidas que notan de forma clara coma a cesta da compra encarécese, e soben os prezos de produtos tan necesarios como o transporte, os alugueiros, ou as hipotecas das vivendas. É dicir que os seus salarios perden poder de compra.

Os empresarios con poder no mercado, tratarán por todos os medios de repercutir as subidas dos seus custos nos prezos de venda para manter os seus beneficios, tratando de esquivar a crise e que non lles salpique ás súas contas de resultados. E cando os traballadores e pensionistas reivindiquen unha subida das súas rendas para non perder poder adquisitivo, os empresarios alegarán que esas subidas son inasumibles e que incrementan a inflación.

A solución debe pasar por compartir os custos da crise e os derivados da guerra, polo que é urxente alcanzar un pacto de rendas, con subida controlada dos salarios, pero con control e limitación  dos beneficios empresariais.

A visión optimista de que a inflación actual é un fenómeno pasaxeiro e controlado parece que non se está correspondendo coa realidade. Cando antes chéguense a acordos para o seu control será bo para a evolución económica e para ir saíndo desta difícil etapa que estamos a vivir.

Salir de la versión móvil