A Axencia Tributaria publica anualmente a Estatística dos declarantes do IRPF por municipios (EDM), que nos permite o coñecemento dos niveis de renda medio de cada concello. A estatística EDM permite unha visión integral (tanto das rendas suxeitas ao imposto como das exentas), da Renda Persoal Bruta. Incorpora tamén a EDM como información adicional o número total de declarantes.
A Renda Bruta Media (RBM) de cada concello calculase dividindo as rendas integras obtidas polos individuos (rendas do traballo, do capital mobiliario, capital inmobiliario, actividades económicas e outras rendas, e as rendas exentas) entre o número de declarantes. A estatística faise a nivel nacional, por Comunidade Autónoma, provincia ou concellos de máis de mil habitantes.
Os últimos datos publicados recentemente corresponden ao ano 2020. A Renda Bruta Media de Galicia foi de 25.069 euros, sendo a provincia con maior RBM, A Coruña con 26.889 euros e a de menor renda Ourense con 22.409 euros. Os concellos galegos con maior Renda Bruta Media, e dicir os concellos máis ricos, corresponden cos das grandes areas urbanas das cidades galegas e os concellos limítrofes, areas máis dinámicas en poboación, en actividades empresariais, tanto industriais, comerciais ou de servizos.
Encabeza a clasificación, un ano máis, o concello de Oleiros cunha RBM de 38.448 euros, posición que ocupa desde o ano 2013 en que se elaboran este datos. Logo lle seguen este ano os concellos de A Coruña, Nigrán, Santiago, Bergondo, As Pontes, Teo, Baiona, Sada, Vigo., etc. Outra cousa ben distinta é como está repartida ou distribuída esa renda entre os habitantes deses concellos, é dicir, o grao de desigualdade que poida existir no reparto desa renda.
Os de renda mais baixa son os concellos rurais do interior, afastados das áreas urbanas e das principais redes de comunicación, municipios cunha poboación moi envellecida e un pouco por riba dos mil habitantes, todos eles cunha Renda Bruta Media por debaixo de quince mil euros.
Na última posición, na 277, está un ano máis o concello de Toques, e logo Samos, Cervantes, O Páramo, Vilardevós, Riós, Dozón, Paradela, As Nogais, etc.. Un caso rechamante neste grupo de cola do ranking, é o concello de A Illa de Arousa, na posición 259, cunha RBM de 14.604 euros, cunha poboación próxima aos cinco mil habitantes.
Xa descendendo ao ámbito da comarca do Eume, o concello mellor clasificado e As Pontes, no que fanse notar as rendas derivadas co complexo térmico de Endesa , salarios e pensións, cunha renda bruta media de 29.345 euros, a sexta de Galicia, municipio que durante os anos 2013-17 ocupou a segunda posición. Logo está Cabanas con 27.392 euros na posición once. Os dous concellos cunha renda superior á media de Galicia.
Pontedeume aparece na posición vinte oito de Galicia, cunha cifra lixeiramente inferior a media galega con 24.988 euros. A Capela con 22.471 está xa no posto 65, e no segmento de rendas baixas no lugar 233, o concello de Monfero cunha renda bruta media de 17.230 euros. Para ter más información doutros concellos ou ver os datos da Renda dispoñible bruta (unha vez descontadas as obrigas fiscais) pódense consultar tanto na Axencia Tributaria , como no Instituto Galego de Estatística (IGE) ou no INE.
Discussion about this post